A Fundación Compromiso e Transparencia sitúa a Doafund entre as iniciativas máis socialmente innovadoras do ano

luns, 10 de marzo do 2014 Fernando Sarasketa

Os responsábeis da iniciativa Doafund.com para evitar, coa axuda das redes, os desafiuzamentosDoafund, servizo de recadación de apoios para familias en risco de desafiuzamento, vén de ser incluído na listaxe das dez iniciativas sociais máis innovadoras que elabora cada ano a Fundación Compromiso e Transparencia, co fin de destacar as propostas tecnolóxicas máis salientábeis no eido da mellora da calidade de vida das sociedades nas que esas iniciativas se insiren. Lembrar que o servizo Doafund.com foi posto en marcha por dous galegos (Fernando Sierra e Luis Jiménez) para habilitar na Rede un acubillo onde apadriñar familias que estean a piques de perder os seus fogares.
A iniciativa galega foi seleccionada na devandita escolma por ser tido quen “de pór en contacto a persoas con dificultades para afrontar o pago da hipoteca con aquelas que poden facer achegas mediante as canles e os métodos de crowdfunding”. Como dixemos, a devandita Fundación recoñece cada ano as dez mellores iniciativas do momento en materia de innovación social, iniciativas que poñen de manifesto “o compromiso e o esforzo que en tempos críticos o sector público, o empresarial e o terceiro sector continúan a facer a prol do progreso e a mellora das súas contornas”. Segundo engade a entidade, Doafund é un exemplo do devandito, unha empresa social que xa logrou o pago de máis de oitenta hipotecas cun importe superior aso 35.000 euros.

PUBLICIDADE