A Fundación INADE achéganos o día 12 ás posibilidades empresariais do Big Data

venres, 8 de xullo do 2016 Redacción

O experto en Big Data Juan José Casado Quintero

O vindeiro martes 12 de xullo a tribuna informativa Almorza con INADE - A Coruña recibe a visita de Juan José Casado Quintero, director corporativo de Datos e Analítica en Sanitas, que abordará a aplicación das posibilidades dos datos masivos (Big Data) no mundo empresarial. O relatorio de Quintero, que fará un repaso pola revolución que supuxo a entrada do tratamento e xestión da información masiva en todos os mercados, vén da man da Fundación INADE (Instituto Atlántico do Seguro) e celébrase no Hotel Attica 21 da Coruña. Previa á exposición do directivo de Sanitas, a presidenta da Asociación Española para a Intelixencia Artificial e Catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da UDC, Amparo Alonso, exporá unhas liñas de reflexión en torno á análise de Big Data. Como lembraremos, Amparo Alonso é tamén responsábel da Área Tecnolóxica de Intelixencia Artificial do CITIC.
Segundo informa INADE, a información masiva é un dos conceptos de moda no mundo informático. O seu obxectivo, do mesmo xeito cós sistemas analíticos convencionais, “é converter o dato en información que facilite a toma de decisións, mesmo en tempo real, converténdose ademais nunha oportunidade de negocio”, explica a fundación, que engade que arestora xa hai unha chea de empresas tirando proveito dos recursos avanzados de Big Data. As consecuencias directas disto (e tamén as potencialidades a curto, medio e longo prazo) serán en boa medida o eixe temático do relatorio de Casado, que centrará a súa intervención, tamén, en analizar o obxectivo da captura, transformación, almacenamento, análise e visualización dos datos.
Juan José Casado é licenciado en Administración de Empresas na Universidade Complutense de Madrid e MBA na IE Business School. É experto en datos e analítica, con catorce anos de experiencia en consultoría enfocada a axudar a empresas de diferentes ámbitos a obter o máximo valor dos seus datos. Dirixiu equipos de investigadores en CFI Group, Cognodata, Everis e IBM. Desde 2015 adicouse a transformar a análise de datos na contorna sanitaria. Na actualidade, ocupa o posto de director corporativo de Datos e Analítica en Sanitas.
A sesión celebrarase pola mañá na sede da Fundación (Hotel Attica 21). Ademais de profesionais do sector asegurador, a xornada diríxese a empresas e directivos, responsábeis de información e informática, entidades aseguradoras e mediadores de seguros.

PUBLICIDADE