A Fundación Mozilla anuncia que está a preparar unha versión móbil de Firefox

xoves, 11 de outubro do 2007 Marcus Fernández

A Fundación Mozilla está a preparar seriamente a transformación do seu navegador de Internet para dispositivos móbiles, para o que confirman que prepararán unha plataforma para o desenvolvemento dos seus produtos para teléfonos e outros trebellos móbiles e desenvolverán oficialmente un Mobile Firefox que sexa compatible coas extensións de Firefox, aínda que non será unha realidade ata que estea completo o Firefox 3 (que é o proxecto no que están a centrar tódolos esforzos dende a Fundación).
Ata o momento xa existía o proxecto Minimo que deu lugar a navegadores baseados en Mozilla para algúns terminais móbiles coma o Nokia N800 (que pese a estar en versión de probas resulta bastante satisfactorio), pero resulta molesto que os usuarios que orientan o seu escritorio informático cara a esta plataforma non puideran facer o propio no móbil, de aí que agora aposten firmemente por atender esta demanda, en boa medida porque agora os dispositivos móbiles comeza a ter a suficiente memoria (máis de 64 Mb) e capacidade de cálculo para procesar páxinas web (por exemplo, o iPhone conta con 128 Mb de DRAM e un procesador de máis de 400 MHz) que, aínda que sexan moi inferiores ás dun ordenador de escritorio ou portátil, son dabondo para poder entrar na web nun momento no que a conectividade sen fíos (por Wi-Fi ou 3G) está acadando un grado de penetración moi interesante para o seu aproveitamento.
Deste xeito dende Mozilla aseguran que o proxecto Minimo quedará aparcado coma un experimento, e durante 2008 poderemos ter un Firefox móbil operativo que agradecerán os usuarios de móbiles intelixentes e outros produtos semellantes.

PUBLICIDADE