A Fundación TIC centra no social o seu orzamento para 2017

venres, 18 de novembro do 2016 Redacción

Este xoves 17 aprobábase un orzamento de 1,8 millóns de euros para 2017 por parte do padroado da TIC da Deputación de Lugo. Segundo anunciaba o seu presidente, Darío Campos, este capital será investido dun xeito máis social e apostando pola promoción dos recursos da provincia. Entre as actividades previstas figuran: a realización de máis cursos de balde sobre novas tecnoloxías da información para maiores, a colaboración con todos os Concellos para fomentar os seus recursos (como exemplo a Lugo Film Commision, unha ferramenta aseguradora da promoción desta provincia como destino de gravación e rodaxe de audiovisuais), amais de emprestar apoio ao conxunto do tecido asociativo para promover a súa actividade, superando xa os 160 convenios de colaboración con entidades sociais.
Alén disto, quérese manter un ensino de calidade e con matrícula gratis por décimo curso consecutivo na Escola de Imaxe e Son (EIS), garantindo deste xeito a igualdade de oportunidades.
Campos engadiu que: “na TIC apostamos por un ensino de calidade. Por iso, faremos fincapé nun dos sinais de identidade do noso modelo educativo: as prácticas dos nosos alumnos en escenarios reais e as actividades complementarias coa experiencia de profesionais de prestixio”.
En canto á función desenvolvida pola TIC mediante o InLugo, Campos subliñou que mantén unha encomenda da Deputación por valor de 175.000 euros para continuar co Plan de Promoción da Autonomía Persoal dos Maiores da Provincia. Asemade, informouse que a TIC reforzará o banco de recordos Memoria Dixital Lugo, “que naceu da man do InLugo e que agora ampliamos a todos os lucenses interesados en formar parte dun arquivo sen precedentes da nosa provincia”.

PUBLICIDADE