A Fundación TIC centrará boa parte dos seus esforzos no emprego e na igualdade de oportunidades

martes, 17 de novembro do 2015 Redacción

A Fundación para o Desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) de Lugo como entidade sen ánimo de lucro que é segue adiante co seu obxectivo de promover e levar a cabo actividades encamiñadas ao fomento da educación, a investigación e o desenvolvemento das novas tecnoloxías, así como da denominada Sociedade do Coñecemento, de maneira que se contribúa a mellorar a formación relativa a estas tecnoloxías na provincia de Lugo. Segundo vén de informar a Deputación de Lugo (da que depende a Fundación), aprobouse un orzamento para 2016 por parte da TIC por valor de 1.802.395 euros. O presidente da entidade e da Deputación, Darío Campos, valorou o traballo que vén desenvolvendo a TIC nos últimos oito anos, defendendo “a igualdade de oportunidades como un piar fundamental do sistema educativo”.
Cómpre informar que unha parte das actividades da TIC estarán enfocadas a garantir un ensino de calidade adaptado ás demandas dun sector en continuo cambio. “Unha das nosas prioridades é o emprego, polo que reforzaremos as prácticas dos nosos alumnos en escenarios reais e as actividades complementarias coa experiencia de profesionais de prestixio para que teñan a formación axeitada á demanda do mercado”, engadiu Campus. Amais, avanzou que “dentro deste obxectivo, seguiremos a traballar para acadar convenios con empresas do sector audiovisual, a través da Escola ou da Lugo Film Commission, coa finalidade de achegar experiencia laboral ao noso alumnado e titulados”.
O presidente do organismo provincial tamén fixo fincapé no labor que está a desenvolver o Centro de Innovación Social, InLugo, e a alta demanda para participar nas súas actividades (máis de 1.600 inscricións este ano). Anunciou tamén que en 2016 “incrementaremos a presenza do InLugo con actividades formativas en diversos puntos da provincia co obxectivo de facilitar a todos os lucenses maiores de 55 anos o acceso ás novas tecnoloxías, independentemente do lugar no que residan”.
En 2016 a TIC tamén centrará parte do seu traballo no labor social a través do apoio a organizacións sen ánimo de lucro.
Por último, engadir que na reunión deste luns acordouse a continuidade de Margarita Soilán Carbia como xerente da Fundación TIC e a incorporación do Deputado Miguel Ángel Sotuela ao Padroado, do que tamén forman parte como patróns Álvaro Santos, Ramiro Moure, Xosé Ferreiro, Jorge Coira e Arturo Vaquero.

PUBLICIDADE