A Fundación TIC xunta forzas co director galego Oliver Laxe

luns, 18 de decembro do 2017 Redacción

O director galego Oliver Laxe, unha das grandes talentos audiovisuais da nosa terra (creador da multipremiada Todos vós sodes capitáns e de Mimosas, distinguida en Cannes), está a dar forma á súa nova obra nunha contorna que lle colle de preto: Os Ancares. Trátase da rodaxe de Aquilo que arde, que inclúe localizacións en diversas zonas da provincia de Lugo e que hoxe fixo unha parada en Navia de Suarna para dar conta dalgúns detalles do proceso de filmación. Na parada, amais de Laxe, participou o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, quen avanzou datos sobre a colaboración da entidade provincial (e da Fundación TIC) co novo traballo do director galego. Campos Conde explicou que esta colaboración favorecerá que Navia de Suarna sexa a principal localización de Aquilo que arde. Ademais, ao abeiro deste apoio da entidade provincial, Laxe rodará un vídeo de promoción sobre a Reserva dos Ancares Lucenses e ofrecerá un ciclo de conferencias e clases maxistrais aos estudantes da EIS (Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC).
Na cita en Navia tamén participaron o alcalde deste municipio, José Fernández, e a produtora-executiva de Miramemira, Andrea Vázquez. Campos Conde salientou que “queremos formar parte desta produción cinematográfica porque é unha oportunidade para a economía, o emprego e a promoción turística, especialmente dos Ancares, pero tamén doutras localidades da nosa provincia, que non debemos desaproveitar”. Segundo fixo saber, o filme rodarase en galego e posuirá “un especial valor cultural e social”, constituíndo en si mesmo unha aposta “por fomentar o tecido industrial do noso sector audiovisual”.
A rodaxe está prevista entre os meses de febreiro e agosto en diferentes localizacións do territorio lugués, especialmente en Navia de Suarna, pero tamén en Monterroso, Monforte, Viveiro, Becerreá, Cervantes e Lugo. Segundo engadiu Campos Conde, o feito de que Oliver Laxe elixise Os Ancares para centrar boa parte da acción de Aquilo que arde é unha sorte e un privilexio para dar a coñecer esta contorna, e tamén terá un especial significado por ter o director unha estreita relación familiar e familiar coa montaña de Lugo, onde están precisamente as súas raíces.
En termos máis concretos, a colaboración da Deputación permitirá ao Concello de Navia asumir a metade dos 43.000 euros dos custos de aloxamento, manutención e transporte do equipo de rodaxe.
No marco da cita de hoxe, Campos Conde e a produtora executiva de Miramemira Andrea Vázquez asinaron o convenio de colaboración coa TIC para “favorecer a experiencia formativa dos alumnos e titulados da Escola de Imaxe a Son”. O máximo responsábel provincial avanzou o comezo (mañá) dun ciclo de conferencias e clases maxistrais sobre cine de autor, que continuará con charlas doutros profesionais de Aquilo que arde. “Os estudantes”, engadiu, “terán a oportunidade de estar en contacto directo coa industria audiovisual e con profesionais de prestixio que poden ser a súa mellor tarxeta de presentación de cara a súa inserción laboral”.
Campos Conde tamén informou do vídeo de promoción que rodará Oliver Laxe sobre a Biosfera dos Ancares Lucenses, “unha das nosas xoias naturais e etnográficas máis prezadas”. Ao fío disto, o presidente salientou que “o compromiso de Laxe para contribuír a revivificar os Ancares non remata aquí, pois entre os seus proxectos está o de xerar en Navia de Suarna unha escola de cinema e unha cooperativa de agricultura ecolóxica”.

PUBLICIDADE