A Fundación Telefónica considera que a 5G será chave para a recuperación económica

martes, 6 de setembro do 2022 Redacción

A Fundación Telefónica vén de publicar o informe La Sociedad Digital en España 2022, que recolle a complicada situación actual a nivel socio-económico, situando á tecnoloxía 5G como unha das claves para a reactivación económica, salientado o feito de que o nivel de dixitalización da sociedade española foi crucial para que organizacións e cidadáns puidésemos recuperar ou manter as nosas actividades tras a crise do coronavirus.
O informe salienta que España está entre os catro países da OCDE con maior proporción de accesos de fibra óptica con respecto ao total de accesos de banda larga fixa, mentres que no ámbito europeo só Dinamarca e Países Baixos superan a España en instalacións de fibra óptica. A banda larga móbil continúa a ser principalmente a través de 4G (tecnoloxía que move o 78,7% do tráfico) mentres que a 5G leva funcionando dende 2020, pero dun xeito aínda pouco relevante.
O lecer é o grande impulsor do uso da Internet, e aínda que os ordenadores e dispositivos móbiles son os trebellos máis empregados para gozar da Rede, o resto de dispositivos conectados cobran cada vez máis relevancia, e en 2021 superouse unha importante marca, xa que máis da metade dos fogares (o 53,1%) contaba cun televisor conectado á Internet (o que supuxo un crecemento de preto de 11 puntos con respecto a 2020).
Tamén son relevantes os avances en dixitalización en ámbitos como o comercio e a sanidade, co 55,2% dos cidadáns comprando por Internet en 2021 e un 51,3% utilizando ferramentas dixitais para pedir cita médica.
O que si destacan dende a Fundación Telefónica é a fenda dixital que existe especialmente a nivel de idade, co 30% dos maiores de 65 anos non facendo uso da Internet, aínda que tamén é moi salientable o feito de que a quinta parte das familias non dispoñía de ordenador persoal, o que péchalles a porta ao teletraballo e á educación en liña, deixando claro que existe unha fenda dixital moi real, que deixa marxinados aos cidadáns con menos recursos económicos e formativos.

PUBLICIDADE