A Fundación Vía Galego reclama que as televisións portuguesas se poidan ver en Galicia a través da TDT

venres, 9 de novembro do 2007 Marcus Fernández

A Fundación Vía Galego vai reclamar formalmente ó Ministerio de Industria que conceda a Galicia un novo múltiplex de Televisión Dixital Terrestre para que as televisión portuguesas se poidan ver na nosa comunidade, baseando esta reclamación na Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias que sinala que se debe garantir a «recepción directa de emisións de radio e televisión de países veciños nunha lingua usada de forma idéntica ou similar a unha lingua rexional ou minoritaria».
O Consello de Europa estableceu en 2005 que, no caso do Estado español, isto afectáballe á recepción en Galicia das radios e televisión portuguesas e o presidente da Fundación promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, lembrou nunha intervención na Reitoría da Universidade da Coruña que existe un precedente en España de outorgar un novo múltiple con catro canais en Cataluña e Valencia (que van a poder emitir reciprocamente as súas televisión autonómicas).
Callón considera que o caso galego é semellante ó das comunidades mencionadas, só que en Galicia a situación en vez de producirse con comunidades lindeiras, reprodúcese entre estados estremeiros, polo que tamén insta ó Goberno galego á negociación desta medida que non só atende a unha semellanza lingüística, senón tamén cultural.

PUBLICIDADE