A Galipedia chega aos 200.000 artigos

luns, 30 de outubro do 2023 S. P.

Este outubro pasará á historia da lingua e cultura galegas como o mes no que a Galipedia chegou aos 200.000 artigos. O fito, concretamente, acadouse este ventres 27 de outubro, cando a versión en galego da popular enciclopedia en liña Wikipedia chegou á dita de cifra de publicacións. Fíxoo no ano do seu 20º aniversario e cun artigo relacionado coa diversidade biolóxica.
Moito máis ca un bo número de artigos
Segundo explica o equipo coordinador da Galipedia, esta “é moito máis que un bo número de artigos que abranguen todas as áreas de coñecemento, dende as ciencias ou as artes ata a xeografía, a historia ou os deportes, exercendo un importante papel a prol da normalización do galego que foi recoñecido co Premio Xoán Manuel Pintos da cidade de Pontevedra ou o Premio Rosalía de Castro de Lingua concedido pola Deputación da Coruña”.
Nos últimos anos, explica o equipo da Galipedia, a enciclopedia online galega mergullouse nun proceso de mellora que puxo o foco en acadar a máxima calidade nas entradas novas. “Froito disto creáronse máis de 240 artigos de calidade (a máxima distinción que un traballo pode acadar por parte da comunidade) e máis de 100 artigos bos, moitos deles creados dentro do propio proxecto e outros moitos traducidos doutras linguas”.
E engaden: “Traballamos de continuo na mellora dos distintos artigos corrixindo a súa ortografía ou actualizándoos, entre outros traballos, ademais estamos a preparar a aplicación dunha ferramenta que actualice de xeito automático algúns datos dos artigos como a poboación das cidades ou países de todo o mundo”.
Todas as parroquias das provincias da Coruña e Pontevedra cubertas
O equipo, de todos esforzos despregados nos últimos anos, destaca a relevancia de traballos como o realizado por numerosas persoas do proxecto para ilustrar os artigos de todas as parroquias de Galicia, tendo cubertas xa todas as parroquias das provincias de Pontevedra e da Coruña, e boa parte das de Lugo. Ademais, a través da conta de Instagram de wikipedia_en_galego tamén se conseguiu ilustrar un número moi significativo de artigos biográficos, e presenta curiosidades, imaxes destacadas, temas de actualidade que se tratan na enciclopedia, entre outras moitas cousas.
Ademais, aclaran, “un dos obxectivos da Galipedia é a loita contra a fenda de xénero, tentando reducila mediante a creación de biografías de mulleres e temas relacionados como o deporte feminino, se ben o camiño que queda por percorrer é aínda longo”.
Precísanse máis colaboradores
O equipo da Galipedia, malia os diferentes motivos de celebración, non agocha a súa preocupación sobre o futuro do proxecto: “A día de hoxe, e a pesar das cifras acadadas, a Galipedia enfróntase á dificultade de conseguir máis persoas que colaboren co proxecto para poder seguir medrando en cantidade e en calidade, comezar a editar é moi sinxelo e sempre haberá algunha persoa con experiencia para axudar a quen se decida a comezar”.

PUBLICIDADE