A Generalitat creará unha identificación que acredite experiencia en TICs

luns, 23 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

Como facer saber ó/á encargado/a de contratación de persoal dunha empresa calquera que temos coñecementos amplos de informática sen que medie un computador entre os dous? A Generalitat de Catalunya quere poñerllo o máis doado posible ós participantes dunha entrevista laboral ou de calquera outra situación na que sexa preciso amosar unha experiencia tecnolóxica, aforrándolles un tempo e uns esforzos que ben poderían ser empregados en tarefas máis produtivas. A medida, que non semella negativa sempre e cando non amplíe máis a fenda dixital do que xa está, consiste en poñer ó alcance dos cidadáns un carné que recoñeza os seus coñecementos de informática.
Xa se coñece como “carné TIC” e, segundo informou os días pasados o Goberno catalán, sería de carácter voluntario e tería dous niveis de capacitación, estando preparada a súa posta en marcha para 2009.
Estaríamos polo tanto ante un documento que, a diferenza do DNI (que acredita a nosa identidade), acreditaría a nosa experiencia perante todas esas pequenas e variadas cousas que nos permiten acceder á Sociedade da Información. Polo de agora, só se sabe que o carné terá validez en Catalunya, pero a intención da Generalitat é a de sacar adiante un proxecto co fin de que sexa homologable en todo o estado español.

PUBLICIDADE