A Gran Final Presencial do reto Challenge STEM xuntará a 25 estudantes de bacharelato galegos

xoves, 10 de novembro do 2022 Redacción

O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle mañá o acto de inauguración da Gran Final Presencial do reto Challenge STEM no que participan un total de 25 estudantes de bacharelato da rama científica de distintos puntos de Galicia. A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, será a encargada de recibir aos participantes xunto coa directora do Campus Industrial de Ferrol, Ana Ares, e co subdirector de Comunicación, Difusión e Estudantes da Escola Politécnica de Enxeñaría, Óscar Fontenla.
Ao longo do mes de outubro, preto de 270 estudantes de bacharelato da rama científica e de FP de toda Galicia, divididos en grupos de entre catro e seis persoas, estiveron a competir, colaborar e traballar para resolver os enigmas dun misterioso buque de metano chamado Mozah. Este desafío puxo a proba os seus coñecementos en materias como as matemáticas, o cálculo, a física, a química, ás ciencias e a tecnoloxía. Para levalo a cabo, contaron co apoio do profesorado do seu centro e puideron solicitar pistas puntuais durante todo o proceso.
Mañá, entre as 10:30 e as 14:00, os cinco equipos clasificados na Gran Final Presencial do reto Challenge STEM seguirán afondando na historia deste buque de metano de 400 metros de eslora e 60 de manga. O que saben ata o de agora é que o Mozah realizou con éxito as súas tarefas de mantemento e que está listo para dirixirse ao seu novo destino. Con todo, antes de abandonar a Ría de Ferrol terá que superar unha última e complexa misión.

PUBLICIDADE