A IA devolve a Torrente Ballester ás rúas de Ferrol na inauguración do ano na súa homenaxe

martes, 30 de xaneiro do 2024 S. P.

O Concello de Ferrol inaugurou este sábado 27 de xaneiro a axenda de actos programados con motivo do ano de Gonzalo Torrente Ballester, coincidente co 25 aniversario da súa morte. A axenda de actividades incluíu na súa primeira xornada, a deste sábado, unha reconstrución audiovisual do autor de Los gozos y las sombras percorrendo e falando sobre Ferrol, grazas á Intelixencia Artificial.
Ofrenda floral
Previamente, unha comitiva formada polo alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o concelleiro de Cultura, José Antonio Ponte Far, membros da Corporación, autoridades e familiares do escritor, realizaron unha ofrenda floral ante a tumba na que descansa Torrente Ballester, no cemiterio de Serantes. O seu fillo Álvaro Torrente manifestou que “estamos profundamente agradecidos ao Concello de Ferrol por manter o fogo vivo, á Xunta que nos apoia dende hai moitos anos na Fundación e, en especial, a Pepe Ponte que da voz cada ano a esta homenaxe”.
Tras este primeiro acto, desprazáronse ao salón de recepcións do Consistorio, onde se presentou o vídeo da declaración institucional do ano dedicado ao escritor. Como dixemos, a peza audiovisual, amosa a figura de Torrente Ballester percorrendo e falando sobre Ferrol, grazas á tecnoloxía da Intelixencia Artificial. “Ferrol é unha cidade de intelectuais”, asegurou o escritor no audiovisual, na que o “Racionalismo está presente en cada pisada” e “somos o resultado desa influencia”. O Torrente Ballester do vídeo lembra que “pasei moito tempo fóra da miña terra e, ao final, regresei a descansar a uns poucos metros da miña casa natal”, engadindo que pechou o círculo na cidade das liñas rectas. “Outra deliciosa contradición nunha das cidades máis interesantes que existe” e que toda persoas con inquedanzas debería vir coñecer”, conclúe.
Unha vez finalizada a proxección do vídeo, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, impartiu unha conferencia sobre a vida e traxectoria do escritor ferrolán, destacando que “é de xustiza esta celebración na que a cidade de Ferrol lembra a un dos seus cidadáns e escritores máis ilustres”.
Tras as súas palabras estreouse a composición Off-Side en homenaxe a Don Gonzalo, unha obra do compositor Miguel Brotóns interpretada pola soprano Patricia Rodríguez e o pianista Alejo Amoedo.
O rexedor José Manuel Rey Varela pechou o acto agradecendo a Freixanes a súa presenza e intervención nun día que representa o arranque oficial do ano de Torrente Ballester en Ferrol.

Vídeo da declaración institucional do ano dedicado a Torrente Ballester

PUBLICIDADE