A Industriosa achéganos o 20 de xaneiro aos cribercrimes que ameazan á mocidade na Rede

martes, 2 de xaneiro do 2024 S. P.

O vindeiro sábado 20 de xaneiro comezan as actividades de 2024 de A Industriosa, o laboratorio tecnolóxico, participativo e cidadán de Vigo. A axenda arrinca con Menores e Novas Tecnoloxías, Benvidos ao deserto do real. Contarase coa participación de Gonzalo Sotelo, profesional con décadas de experiencia en cibercrime e que é especialista en casos relacionados con nenos e adolescentes.
A charla, deseñada para profesores e pais, abordará os delitos máis comúns na actualidade. Así nolo explican dende A Industriosa: “Trataremos sobre os usos e costumes dos rapaces coas TIC, a percepción que teñen sobre a súa identidade dixital, os riscos de determinados comportamentos usuais no seu día a día, responsabilidades dos pais e tocaremos tamén unha ferramenta nova da AEPD que é a Canle Prioritaria”. Ademais, proporcionaranse pautas para identificar se un neno está a ser vítima destes delitos e explicarase como actuar en caso de atoparse en tal situación.
Gonzalo Sotelo é un experto cunha destacada traxectoria no ámbito da seguridade e a investigación tecnolóxica. A súa formación inclúe diplomados en Policía Xudicial polo Ministerio do Interior e a Escola de Estudos Xudiciais da Universidade Complutense de Madrid. Ademais, completou diversos cursos especializados en investigación tecnolóxica a nivel nacional e internacional.
Ao longo da súa extensa carreira no ámbito do cibercrimen, Gonzalo colaborou con varias universidades galegas como profesor asociado. Na actualidade mantén unha estreita colaboración coa Academia Galega de Seguridade.

PUBLICIDADE