A Industriosa acolle a vindeira semana un curso de Embedded Rust dirixido por Eloy Coto

martes, 14 de febreiro do 2023 S. P.

A programación integrada ou Embedded Rust está a medrar nos últimos tempos. Disto sabe moito Eloy Coto, enxeñeiro de software sénior, quen dirixirá o 25 de febreiro unha serie de katas mensuais de Embedded Rust organizadas pola Industriosa para todos aqueles e aquelas interesados en facer programación integrada mentres aproveitan os conceptos de nivel superior e as garantías de seguridade que achega a linguaxe Rust.
Indo ao encontro en cuestión, constará dunha introdución e unha configuración do contorno de desenvolvemento no primeiro kata (25 febreiro) levada a cabo por Eloy Coto. Nos vindeiros katas, que se levarán a cabo o terceiro sábado do mes, Eloy será o presentador de varios temas sendo as sesións de programación por parellas. A finalidade deste curso será ter un pequeno proxecto que construír (preferibelmente baseado en STM32 (ARM) ou ESP32 (RISC-V). En canto ao hardware de referencia, recoméndase levar STM32F4XX, ESP32. Sinalar que para estas sesións non é preciso ter coñecementos previos.
A axenda dos katas será a seguinte: de 9:30 a 10h, almorzo nunha cafetería; de
10 a 12h, Pair-programming de prototipo; de 12 a 13:30 h, Introdución/Presentación de calquera tema específico (Testing, CI, depuración, etc) e de 13:30 a 14h Recapitulación e votación da presentación do seguinte tema.
Dicir que este evento é patrocinado pola Xunta de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA), sendo a participación de balde.
Máis información e rexistro en Meetup.

PUBLICIDADE