A Intelixencia Artificial e o emprego europeo centraron en Mariñán o primeiro Encontro ClubUE

xoves, 27 de xullo do 2023 S. P.

A primeira edición do Encontro ClubUE finalizou este 21 de xullo no pazo de Mariñán (Deputación da Coruña) despois de tres xornadas de formación e intercambio nas que participaron 16 mozos e mozas dos ClubUE de Europe Direct A Coruña e Europe Direct Asturias. Durante o encontro, as persoas participantes puideron desenvolver competencias non formais como a comunicación, o traballo en equipo e a resolución creativa de problemas, aprender e debater sobre temas de actualidade como a Intelixencia Artificial, e potenciar outras habilidades, como son a busca de emprego dentro da Unión Europea ou o deseño de proxectos europeos relacionados coa xuventude.
Esta iniciativa dos centros Europe Direct A Coruña, pertencente á Deputación da Coruña, e Europe Direct Asturias, da Federación Asturiana de Concejos, pretende potenciar as competencias brandas da mocidade e incidir na súa relevancia na formación nun ano, o 2023, que foi designado pola Unión Europe como Ano Europeo das Competencias.
A maiores, a quedada puxo o foco nas oportunidades que ofrece Europa nos eidos do voluntariado, a participación ou o emprendemento. O programa incluíu tamén actividades de ocio como o espectáculo A Maxia de Europa ou unha visita guiada á cidade da Coruña.
O ClubUE é un espazo virtual pensado para achegar a mozos e mozas as oportunidades que existen dentro da UE e que foi creado por Europe Direct A Coruña en decembro de 2020.
Europe Direct Asturias replicou esta iniciativa no seu territorio en outubro de 2022 e ambos centros teñen colaborado xa en varias actividades que fomentan o intercambio de experiencias. Hai máis información dispoñíbel na páxina web da Deputación da Coruña.

PUBLICIDADE