A Internet, presente xa no 80% dos fogares galegos en concellos de entre 50.000 e 100.000 habitantes

martes, 29 de outubro do 2013 Redacción

O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) publicou os días pasados un novo repaso ao estado das TIC na nosa terra, desta volta facendo fincapé no que atinxe aos nosos fogares e nas características que estes adquiren, en relación á Rede, de estar emprazados nun ambiente máis urbano ou máis rural. Segundo fai saber o observatorio, a porcentaxe de domicilios galegos con conexión a Internet nos concellos de poboación de 50.000 a 100.000 habitantes é do 80,2%, unha taxa que “supera a media estatal en 8,9 puntos”, sinálase. Por outra banda, a porcentaxe de contratación de banda larga nestes municipios medrou máis dun 10% respecto a 2012.
Estes e outros datos figuran nunha nova investigación do Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre equipamento e uso das tecnoloxías da información e comunicación nos fogares en 2013. A investigación, avaliada en detalle por OSIMGA, volve lembrar que un dos factores determinantes da fenda dixital galega ten que ver directamente co hábitat. Ou sexa, que a fenda é unha vez máis unha liña visíbel entre as cidades e vilas, por unha banda, e os núcleos máis pequenos do rural pola outra.
Iso si, segundo a análise do informe realizado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia, Galicia ascende un posto no ranking estatal e ocupa a segunda posición na interacción da cidadanía coas Administracións Públicas a través de Internet, tanto na obtención de información como na descarga de formularios.
En termos xerais, a conexión a Internet está presente no 64,7% dos fogares galegos, fronte ao 69,8% que rexistra o conxunto do Estado. A conexión á Rede en Galicia, explícase na análise do OSIMGA, experimentou un incremento do 2,7% con respecto a 2012, incremento semellante ao do Estado (2,8%). Un 64% dos fogares de Galicia están conectados á Rede mediante banda larga, un 2,7% máis ca no ano 2012. O observatorio tamén salienta que entre as vivendas que dispoñen de acceso a Internet en Galicia, máis da metade (55,2%) accede a través dun dispositivo móbil (8 puntos máis cá media estatal) e que a conexión a Internet a través de rede por cable ou fibra óptica sitúase nun 24,9%, 6 puntos máis que a media estatal (18,9%). Segundo os datos que ofrece o INE, o 68,5% dos fogares galegos dispón dalgún ordenador, diminuíndo nun punto a distancia respecto da media estatal e experimentando un incremento do 0,7% con respecto aos datos do ano anterior. A media estatal (73,4%) rexistrou un lixeiro retroceso (-0,7%) no último ano.
Ademais, o OSIMGA tamén destaca que o 66,4% dos galegos e galegas empregaron o computador nos últimos tres meses, reducindo a diferenza coa media estatal en 0,5 puntos porcentuais e cun incremento dun 0,5% máis que no ano 2012. Un 65,3% da poboación galega empregou Internet nos tres últimos meses, cun incremento do 2,8%, con respecto ao ano anterior.
“Unha das conclusións máis positivas desta última enquisa do INE”, engádese, “é a vantaxe de Galicia respecto do Estado no uso de ordenador e Internet no grupo de idade de 16 a 34 anos; así, a proporción de galegos de 16 a 34 anos que usaron o ordenador e Internet nos últimos tres meses en Galicia superou o 92%, situándose por riba do valor estatal”.
Polo que se refire á Administración Electrónica, os datos do INE correspondentes ao ano 2013 amosan que Galicia sobe un posto na listaxe de Comunidades Autónomas no uso dos servizos da e-Administración durante os últimos doce meses. Deste xeito, ocupamos a segunda posición na interacción coas Administracións Públicas a través de Internet para obter información e descargar formularios, sendo só superados pola Comunidade de Madrid.

PUBLICIDADE