A JMJ 2011 aposta pola tecnoloxía como canle de comunicación entre os participantes

venres, 19 de agosto do 2011 Marcus Fernández

Ata o vindeiro domingo a cidade de Madrid acolle a Xornada Mundial da Xuventude (JMJ) que conta coa presenza do Papa Bieito XVI, que recibe a mozos de todo o mundo, e que destaca pola súa impresionante cobertura informativa, tanto a través dos medios de comunicación tradicionais como na Rede, onde combínase a información coas redes sociais, dinamizando o evento e tirando proveito das TIC para que os peregrinos poidan relacionarse entre eles e manterse informados das actividades destes días e do que a cidade pode ofrecerlles.
Para dar conta minuto a minuto da xornada o evento conta cuns 60 voluntarios de distintos países para actualizar as plataformas de comunicación en liña en 21 idiomas, de xeito que os que non estean presentes tamén poden vivir a experiencia a distancia. Como centro de operacións para esta actividade informativa durante os principais actos destes días conta cun autobús 2.0, no que tamén haberá 30 profesionais que axudan na labor informativa.
Para o seguimento máis oficial, a organización tivo a ben desenvolver unha completa páxina web que serve de porta aos múltiples contidos que se están a xerar nestes días, e que incluso conta cunha televisión en liña en directo que aproveita a tecnoloxía de YouTube Live para levar o sinal a todo o mundo, aínda que tamén hai outras plataformas nas que poder seguir en vídeo o evento, como a canle de televisión 13TV, que pode verse tanto a través da TDT como da súa páxina web, o que tamén fai Televisión Española, que conta cunha sección na súa páxina web para dar unha completa cobertura da Xornada Mundial da Xuventude 2011.
Non faltan as principais plataformas de redes sociais, de xeito que a través de Twitter podemos facer un seguimento bastante detallado do encontro do Papa coa mocidade, e mesmo escolman moitas das frases de Bieito XVI tomar o pulso da xornada.

Os móbiles xogan un papel moi importante nas xornadas

Máis espectacular e a cobertura que están a facer a través de Facebook, pois a súa páxina na rede social creada por Mark Zuckerberg está dispoñible en 21 idiomas, sumando centos de milleiros de seguidores (máis de 170.000 mil no caso da versión en español), e ofrecendo accesos a moita información a través de distintas pestanas (entre as que destaca un servizo de Carpooling, para compartir vehículo ao achegarse ao encontro; ou unha iniciativa na que instan aos participantes a facer achegas ao Evanxeo).
Pero a organización foi moi ambiciosa, e quixo crear unha rede social oficial da JMJ 2011, para que os cristiáns que participan poidan comunicarse durante estas datas e incluso manter o contacto no futuro, permitindo o acceso identificándose con contas de usuario de Facebook ou Twitter, e contando tamén con aplicacións móbiles para iPhone e terminais con Android, que serven como excelente vehículo de comunicación durante estes días, para chatear, establecer contactos e informarse dos distintos eventos dende o móbil.

PUBLICIDADE