A Lei de Tráfico endurece as sancións polo uso do móbil ao volante

luns, 27 de decembro do 2021 Marcus Fernández

O Boletín Oficial do Estado publicou este mes o novo texto da Lei sobre Tráfico, Circulación de Vehículos a Motor e Seguridade Viaria, con modificacións en material do permiso e licenza de condución por puntos, que como principal cambio ten o incremento de 3 a 6 puntos a detraer no caso de levar o móbil na man durante a condución (xunto co pagamento dunha sanción de 200 euros).
Esta medida busca loitar contra as distraccións ao volante, que dende 2016 son a primeira causa de accidentes mortais (o 31%), ao que inflúe cada vez máis a proliferación das redes sociais, a dependencia do móbil e a inmediatez.
Cómpre salientar que tamén está prohibida a utilización de «dispositivos que diminúan a atención permanente á condución», o que incluiría tamén aos cada vez máis populares smartwatches, que manterían a consideración de infracción grave cunha perda de 3 puntos.
Outras novidades que recolle o texto é a autorización do uso de dispositivos sen fíos certificados ou homologados para a utilización no casco de protección dos condutores de moto e ciclomotor con fins de comunicación ou navegación sempre que non afecte á seguridade na condución e tamén recóllese por primeira vez a condución autónoma.
As modificacións lexislativas entrarán en vigor o 21 de marzo de 2022.

PUBLICIDADE