A Maker Faire Galicia volve á presencialidade cunha axenda de cinco xornadas e 60 proxectos

xoves, 7 de abril do 2022 S. P.

Este ano 2022 será definitivamente o ano do regreso dos grandes eventos nos formatos tradicionais, en moitos casos, iso si, combinados aínda cos experimentados a fondo durante a pandemia. Entre os grandes acontecementos que recuperarán todo o seu esplendor figura o evento argalleiro máis relevante de cantos se celebran en España: a Maker Faire Galicia. “Este ano 2022 volvemos ao mundo físico cunha edición híbrida que promete ser espectacular”, sinalan dende a organización da feira (Design Thinkers and Makers), que vén de pechar a fase de convocatoria de proxectos (call for makers) coa selección de 60 contribucións procedentes dos ámbitos autonómico, estatal e internacional. O evento virá este ano con cinco xornadas, a desenvolver entre o 1 e o 5 de xuño no Museo Gaiás.
Entre os primeiros relatores destacados desta edición atopamos referentes de todo o mundo nos ámbitos das startups, a educación STEAM (acrónimo de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemática), a saúde mental, a inclusión ou a innovación social.
Pepe Martín, director executivo (CEO) de Minimalism, nova firma innovadora referente en emprendemento consciente, transparencia e sustentabilidade, participará nas xornadas da industria o 2 de xuño. Segundo informa a organización da feira, “esta marca de roupa e complementos converteuse en referencia no ámbito do emprendemento tanto pola súa honestidade brutal como por cambiar a forma de facer as cousas nun sector tan complexo coma o téxtil”.
Na tarde do día 2, o protagonismo recaerá na industria dos videoxogos, onde destaca a participación dos galegos Rubén López, enxeñeiro de Google e Youtube durante os últimos 10 anos e Silvia Izquierdo, produtora audiovisual, que recentemente fundaron Aruma Studios.
A xornada educativa, programada para o día 3 de xuño, contará entre outros coa presenza de Gitanjali Rao, destacada figura do mundo Maker e defensora a ultranza da educación STEM, que con tan só 11 anos gañou o Discovery Education 3 M Young Scientist Challenge. Esta moza estadounidense foi recoñecida pola revista Forbes na súa lista 30 Under 30. Ten ademais tres charlas TED ás súas costas e foi a primeira nena do ano nomeada pola revista Time no ano 2020.
Os días 4 e 5 de xuño celebraranse as xornadas para todos os públicos, onde ademais dunha manchea de obradoiros e proxectos no Museo Gaiás, contarán con máis relatorios de relevancia, como o de Paco Ayala, mexicano fundador do proxecto Horto Roma Verde, un proxecto de innovación social referente a nivel mundial. Entre a oferta de talleres desta edición a organización da Maker Faire Galicia tamén destaca unha nova edición da Game Maker Jam, os talleres STEAM a cargo de VermisLAB e o proxecto Code Week, así como algunha que outra sorpresa que desvelarán nas próximas semanas desde a organización.
A 8ª edición da Maker Faire Galicia celebrarase no Museo Gaiás e conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura e a Asociación para o Progreso da Dirección (APD). Realízase coa colaboración da Fundación Españonda para a Ciencia e a Tecnología ( FECYT) - Ministerio de Ciencia e Innovación.
Para máis información sobre o evento así como participar cómpre visitar a plataforma en liña da Maker Faire Galicia. O rexistro de asistentes para acceder aos contidos en liña xa está aberto e é totalmente gratuíto.

PUBLICIDADE