A Mesa denuncia que MásMóvil nega atención en galego

xoves, 30 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

A Mesa pola Normalización Lingüística vén de pór de relevo un novo caso de discriminación lingüística levado a cabo ao abeiro das novas tecnoloxías, logo dos casos de desprezo cultural da Wikipedia (que segue teimando en usar os nosos topónimos detupardos, malia o carácter diverso e divulgativo do que se gaban os seus responsábeis), de Tripadvisor ou do IDAE, entre outras canles. Agora, segundo vén de informar a plataforma a prol da lingua, é MásMóvil quen sae á palestra, en negativo, coa súa estratexia de negar a atención en galego, catalán e éuscaro.
A Mesa tivo acceso a unha gravación na que a operadora telefónica lle realiza unha promoción a un posíbel cliente galego e na que lle nega atención en lingua galega e acláralle que tampouco a realizará noutras linguas como catalán ou euskera. A denuncia materializouse a través do servizo Liña do Galego, unha iniciativa de balde que serve para que a cidadanía comunique e denuncie a vulneración dos seus dereitos lingüísticos.
Desde a Mesa anuncian que é a súa intención tramitar unha queixa, non só ante empresa, senón que tamén se remitirá o caso á Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) e á valedora do Pobo para que “tomen baza no asunto”. A plataforma lembra que a negativa da operadora de atender en galego a clientes reais ou potenciais vulnera a Lei 1/2010, relativa aos servizos no mercado interior (disposición adicional sexta) na que se estabelece o respecto pola lei de normalización lingüística e a promoción do uso oral e escrito do galego. Así mesmo, tamén incumpriría a Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias.

PUBLICIDADE