A Mesa denuncia que a Axencia Tributaria deturpa topónimos galegos nas súas comunicacións en liña

martes, 30 de xaneiro do 2024 S. P.

A Mesa, a través da aplicación A Liña do Galego, vén de pór o foco nun novo caso de deturpación de topónimos na Rede, desta volta perpetrado pola Axencia Tributaria de Galicia. Segundo informou A Mesa, o organismo “pretende impor nomes incorrectos e castelanizados nos correos electrónicos das oficinas liquidadoras”. Deturpacións que xa deberan estar máis que superadas como Viana del Bollo, Noya ou Ginzo.
A plataforma polo galego xa pediu á Consellaría de Facenda, á Secretaria Xeral de Política Lingüística e á Valedora do Pobo que rectifiquen esta acción e “repoñan a legalidade inmediatamente”. Segundo informou A Mesa, este novo caso de deturpación en liña foille comunicado á asociación polo funcionariado das oficinas liquidadoras das diferentes oficinas.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, denuncia que esta acción da Consellaría de Facenda pretende “saltarse directamente” a Lei de Normalización Lingüística, que no seu artigo 10.1 establece que “os topónimos terán como única forma oficial a galega”, no 10.3 que “estas denominacións son as legais a todos os efectos e o rotulado terá que concordar con elas”. “Faino ademais”, lamenta Maceira, “en enderezos electrónicos que terán que ser empregados pola cidadanía como únicos válidos e en trámites obrigatorios”.
O presidente da entidade de defensa da lingua considera que “é a reacción do funcionariado o que, afortunadamente, está a ralentizar o proceso de deturpación da nosa toponimia por parte de quen debera defendela” e recorda que A Mesa pola Normalización Lingüística conta cun servizo gratuíto para tramitar queixas diante da vulneración dos dereitos lingüísticos, así como parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego. Trátase da devandita ferramenta A Liña do Galego, dispoñíbel tanto na web como a través dunha app de descarga gratuíta.

PUBLICIDADE