A Mesa felicita a Samsung pola inclusión do galego nos seus dispositivos smartphone

mércores, 4 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

Estes días de seca informativa, e climática tamén, houbo quen se animou a darnos unha boa nova e achegarlle azos ao panorama mediático-tecnolóxico. Falamos de Samsung, un dos principais fabricantes internacionais de telefonía móbil, e dunha información xurdida do seu seo que nos toca ben de preto: a incorporación da lingua galega aos seus móbiles smartphone. A iniciativa da empresa coreana, que tamén abrangue ao vasco e o catalán, deuse a coñecer estes días a través da rede social Twitter. As moitas vantaxes de uso e de promoción lingüística que esta medida pon en xogo motivaron que A Mesa felicitase o compromiso de Samsung.
A iniciativa da compañía coreana, que ten as súas orixes en 2008 cun achegamento ás políticas de promoción lingüística do bipartito, colleu folgos nos últimos tempos grazas ás reiteradas peticións das organizacións encargadas da defensa dos dereitos idiomáticos dos cidadáns e que desenvolven o seu labor no Estado español sobre as devanditas linguas cooficiais. Neste senso, a Mesa pola Normalización Lingüística nos recorda que xa se ten dirixido en diferentes ocasións a Samsung e a outros fabricantes do sector para lles reclamar unha presenza normal do galego nos seus dispositivos. En opinión da organización galega que coordina Carlos Callón, estamos ante “un adianto moi positivo para a nosa lingua, así como tamén para o vasco e o catalán, xa que a nova supón unha rectificación da multinacional a respecto da súa vontade inicial e vén precedida dunha intensa campaña reivindicativa a través das redes sociais, impulsada sobre todo desde o ámbito lingüístico catalán, a través de queixas particulares e da protesta da Plataforma per la Llengua”.
A xuízo da Mesa, a consecución da inclusión das ditas linguas nos aparellos da multinacional abre o camiño para outras estratexias semellantes ao abeiro do resto das empresas implicadas. Ademais, supón a constatación do poder que ten hoxe en día a opinión dos internautas e o seu traballo de mobilización nas redes. “A presión cidadá exercida polas usuarias e usuarios é a que, unha vez máis, dá froitos concretos para que o galego obteña adiantos”, considera a asociación cidadá presidida por Carlos Callón, que, porén, lamenta que “tampouco, neste caso, se coñeza que fai a Secretaría Xeral de Política Lingüística para garantir o dereito a vivir en galego de quen así o desexar” , sinalou.

PUBLICIDADE