A Mesa lanza na Rede un extenso catálogo con centos de propostas de agasallos de Nadal en galego

martes, 12 de decembro do 2023 S. P.

A Mesa pola Normalización da Lingüística está a distribuír de xeito gratuíto un extenso catálogo con centos de propostas de compras e agasallos de Nadal. Lánzase impreso de xeito gratuíto e en formato en liña, con vistas a recoñecer as empresas que empregan con normalidade o galego no ámbito socioeconómico.
O catálogo está formado por libros, discos, cadernos e elementos decorativos, xogos, instrumentos musicais, roupa, complementos, plantas, enerxía, servizos profesionais, experiencias ou alimentos. Con motivo deste lanzamento, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, lembra que "coa decisión de facermos presentes en galego como consumidoras e consumidores estamos a pór en valor a nosa lingua, a nosa cultura e tamén a nosa economía".
Este catálogo forma parte do proxecto Abertos ao Galego, que certifica o compromiso coa normalización da nosa lingua de empresas, comercios, asociacións e entidades de toda índole. "Todas as decisións que tomamos como consumidores e consumidoras teñen implicacións", afirma Maceira, "non ten as mesmas repercusións económicas, laborais ou ecolóxicas comprar un iogur fabricado en Francia que en Galiza, do mesmo xeito que non é o mesmo ter contratada unha empresa de telefonía que emprega persoas que poden atender a clientela en galego ou unha que non dá o seu servizo na nosa lingua".

PUBLICIDADE