A Nosa Terra estrea edición dixital diaria

martes, 4 de decembro do 2007 Marcus Fernández

A publicación A Nosa Terra celebra o seu centenario dando o salto á Internet, de xeito que dende a mañá deste martes hai un novo medio dixital en Galicia, que promete informar da actualidade galega en galego, cunha ollada máis social e dando prioridade ós novos formatos. Deste xeito, a publicación continuará con periodicidade semanal en papel, mentres que na web será un diario.
O novo xornal dixital con carácter multimedia prestará especial atención á actualidade informativa de Galicia e ás novas de ámbito social, cultural e deportivo, amosando unha estética sinxela que reparte os seus contidos en 3 bloques informativos: as novas do día, o audio e o vídeo, e os suplementos. Durante as fins de semana a edición dixital de A Nosa Terra será especial, de xeito que os contidos sociais, culturais e deportivos terán unha maior relevancia.

Parte da redacción de A Nosa Terra

As imaxes e o son serán as prioridades deste novo medio, que contará con servizos de vídeo e audio coñecidos coma ANT TV e ANT Radio respectivamente.
Á redacción de A Nosa Terra tamén se engadirán moitos colaboradores entre os que estarán alcaldes, actores, xornalistas, deputados, escritores ou empresarios, aínda que tamén buscarán dar certa voz ós seus lectores mediante ferramentas sociais que polo momento se limitan a permitir a votación e recomendación de novas.

PUBLICIDADE