A OCU advirte: a gran maioría das aplicacións que mudan a cor do Facebook son unha fraude

venres, 4 de setembro do 2015 Redacción

A Organización de Consumidores (OCU) está a advertir estes días dos riscos para os nosos equipos (e para a nosa economía) de responder aos reclamos que na Internet ofrecen mudar a cor do noso Facebook, cousa que “pode saírnos máis cara do que semella nun principio”, sinala a plataforma, que lembra que a inmensa maioría destes chamados son falsos e non pretenden outra cousa que facerse cos nosos cartos. Para evitar riscos, OCU desaconsella acceder a este tipo de aplicacións, xa “que nos arriscamos a ficar subscritos a un servizo Premium de mensaxes”.
Malia todo, a organización tamén informa que non todas as ferramentas son falsas, hainas que si que cumpren o seu cometido. Porén, por tan pouca cousa (mudar a cor do Facebook), mellor aturar a tonalidade que vén de serie na rede social.
Segundo lembra a OCU, “cóntanse por milleiros as aplicacións fraudulentas que prometen cambiar a feitura da conta de Facebook e que só serven, ao final, para facer subscricións de mensaxes que poden saírnos por 40 euros ao mes”.
A plataforma, por outra banda, recomenda ás persoas que xa accederon a estes servizos facilitando o número de teléfono de seu que contacten coa firma telefónica que lles dá servizo e lle pidan a comprobación da subscrición non autorizada. Se a resposta é positiva, o máis indicado é solicitar a baixa. A OCU desaconsella facilitar o noso número de teléfono se “estamos completamente certos de a onde accedemos”, en Facebook, Twitter, WhatsApp ou en calquera outra plataforma.

PUBLICIDADE