A ONU convoca a 120 países para buscar respostas ó problema crecente dos residuos tecnolóxicos

luns, 27 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

O móbil de hoxe, que tantas satisfaccións e desgustos nos trae na vida cotiá, é lixo do mañá, e non un tipo de lixo calquera, senón que constitúe material contaminante de alto risco. E nós preguntámonos: que vai pasar con todos eses teléfonos que tan rápido se renovan, que tan cedo caducan, cando finalmente os fabricantes e as operadoras nos convenzan a todos xuntos de que é vital que merquemos un terminal novo? Que vai acontecer nos países do terceiro mundo, ós que coa escusa se facer doazóns tecnolóxicas lles facemos chegar todo o que nos sobra: computadores vellos, televisións de tubos, portátiles obsoletos? Non será que estamos de verdade a piques de substituír un lixo por outro de máis categoría pero igual ou máis tóxico?
Tratar sobre estes asuntos na procura de solucións é o obxectivo do encontro que están a manter esta semana 120 países do mundo en Kenya, convocados pola Organización das Nazóns Unidas (ONU), entidade que vén de achegar o seguinte dato arrepiante: só en Estados Unidos, tíranse ó lixo cada ano entre 14 e 20 millóns de computadores cada ano.
Gran parte das discusións entre os países xirarán arredor desta pregunta: que facer con as preto de 50 millóns de toneladas tecnolóxicas xeradas cada ano no mundo, sendo unha boa parte delas enviadas paseniño pero sen pausa ós países en desenvolvemento?
Ademais, ó longo destes días vaise facer fincapé na cuestión dos supostos beneficios dos envíos de tecnolóxica de segunda man ós países pobres, feito que para moitos analistas está a levar consigo máis problemas ca vantaxes, sobre todo no que se refire á xestión posterior dos e-residuos, que acaban na meirande parte dos casos sendo pasto do lume en enormes moreas de lixo de toda índole ás portas das cidades, ceibando fumes tóxicos ricos en metais pesados, como mercurio ou bario.
Polo momento, sábese que nas reunións entre os países barallaranse diferentes propostas ós fabricantes de tecnoloxía, co fin de procurar unha meirande responsabilidade por parte destes, dende que se desenvolven os produtos até o intre da súa morte.

PUBLICIDADE