A ONU salienta as posibilidades do proxecto Climántica na loita contra o quecemento da Terra

martes, 3 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

Oficina do Programa de Medio Ambiente da Organización das Nacións Unidas en Nova York

A ONU xa ten entre mans o proxecto galego Climántica, desenvolvido polas Consellerías de Educación e de Medio Ambiente e encamiñado a formar nas escolas sobre as causas e consecuencias do quecemento da Terra, amais de a achegar xeitos de combatelo. O proxecto foi presentado onte na Oficina do Programa de Medio Ambiente da Organización das Nacións Unidas en Nova York pola propia conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, e máis polo director xeral de Desenvolvemento Sostible, Emilio Manuel Fernández.
O proxecto Climántica, do que xa temos falado noutras ocasións, ten un importante compoñente dixital. De feito, o seu eixe non é outro ca unha web, arredor da que xira boa parte do compromiso de Medio Ambiente e Educación na sensibilización social sobre o cambio climático (a web recibía hai aproximadamente un ano visitas de máis de 40 países diferentes) e a través da que se achega información variada. sobre os ditos problemas ambientais e os seus efectos.
Climántica, que tamén se fundamenta en relatorios, charlas, curtas, cómics, vídeos ilustrativos ou cursos, foi presentado polo miúdo perante un dos máximos responsables medioambientais da ONU, Munyaradzi Chenje, quen sinalou que o programa galego cumpre gran parte dos requisitos para ser incorporado ao catálogo de programas de educación ambiental. Asemade, segundo informa a Consellería de Educación, valorou de xeito moi positivo a accesibilidade aos materiais incluídos así como a súa capacidade de adaptación a outras zonas e rexións do mundo e a diferentes niveis educativos e idades.

PUBLICIDADE