A Oficina AceleraPeme do ITG achegou as claves da transformación a case 90 firmas

luns, 20 de decembro do 2021 S. P.

O Instituto Tecnolóxico de Galicia vén de facer un balance da actividade xerada pola súa Oficina AceleraPeme, unha iniciativa habilitada no marco de traballo de Red.es que ten o obxectivo de levar as vantaxes da transformación TIC onde máis se precisan a nivel de produtivo: no día a día das persoas autónomas e das pemes que están tentando sobrevivir e medrar neste contexto de COVID-19 do que, a tenor das cifras que manexamos, vai seguir entre nós aínda por unha por unha longa tempada. A oficina do ITG, que iniciou a súa andaina en setembro cun ciclo de 11 webinarios de acceso libre sobre temáticas de transformación “totalmente prácticas e de actualidade”, chegou xa a 89 empresas e a máis de 180 profesionais.
Abordáronse as seguintes cuestións nas actividades desenvolvidas: sinatura e factura electrónica; posicionamento web e tendas online; claves da seguridade dixital na peme; beneficios da Intelixencia Artificial, a supercomputación, IoT (Internet das Cousas) ou análise da información a gran escala (Big Data); e axudas públicas para financiar a dixitalización empresarial.
Este ciclo de formacións en liña, explica o ITG, permite o intercambio de preguntas en directo co relator e terá continuidade no primeiro trimestre de 2022 con sesións complementarias ás xa realizadas e coa mesma filosofía: relatores expertos de empresas galegas que xa traballan co noso tecido empresarial. Nos próximos días estarán publicadas na web específica acelerapyme.itg.es.
O ITG lembra que os vídeos e presentacións íntegras xa realizadas obtiveron “un nivel de satisfacción medio de 9 sobre 10” e poden ser descargadas na devandita ligazón, na sección de descargas, onde se irán engadindo os relatorios que se vaian realizando nos próximos meses.
55 plans personalizados de dixitalización
Ademais do asesoramento ás empresas no seu proceso de transformación dixital, a Oficina Acelera peme de ITG ten como obxectivo “axudar a 55 pemes galegas a enfocar axeitadamente a súa estratexia tecnolóxica”. Para cada unha delas, tras identificar o seu nivel de madurez tecnolóxica, realizarase un plan personalizado de dixitalización nas distintas fases do seu proceso de negocio: compras, vendas, finanzas, produción ou loxística, entre outros eidos e parámetros.
As empresas accederán a información sobre as tecnoloxías do seu interese e tamén terán ao seu dispor a provedores cualificados para aplicalas e, de forma complementaria, disporán a maiores do detalle das axudas públicas que poderían ser as idóneas para co-financiar os traballos.
Os detalles destes plans están a ser perfilados co panel de expertos en cada tecnoloxía e lanzaranse no primeiro trimestre de 2022. As empresas interesadas nestes diagnósticos e follas de ruta poden facer chegar o seu interese a través do formulario web creado para iso.
Tamén no primeiro trimestre de 2022, o ITG dará servizo a Red.es para que as empresas galegas entre 10 e 49 traballadores coñezan as axudas bautizadas como Kit Dixital. Anunciadas recentemente, espérase que estean activas nas próximas semanas e estímase que alcancen o 80% (até un máximo de 12.500 euros) do custo de incorporar solucións de desenvolvemento web, comercio electrónico, mercadotecnia dixital e administración dixital da empresa relacionada coa xestión de clientes, da facturación, provedores, ciberseguridade, etc.

PUBLICIDADE