A Orquestra Vigo 430 e o MUVI xuntan música e videoxogos nun concerto sinfónico o día 23

luns, 12 de decembro do 2022 S. P.

Vigo vai acoller o 23 de decembro un concerto que fai confluír nunha única cita cultural os ámbitos da música sinfónica contemporánea e o do lecer dixital. Virá da man da Orquestra Vigo 430 e o Museo do Videoxogo e celebrarase no Auditorio Mar de Vigo o venres 23 de decembro ás 20:00h.
En palabras do MUVI “trátase dun revolucionario concerto onde poderemos presenciar unha viaxe pola historia da música moi diferente á que estamos acostumados, xa que porá o foco na música que se empregou ao longo do século XX e parte do XXI no eido dos videoxogos, ofrecendo aos asistentes un espectáculo para todos os públicos de índole musical, cultural, sociolóxica pero tamén tecnolóxica e mesmo histórica”.
En concreto, será unha oportunidade para desfrutar coa interpretación musical da Orquestra Sinfónica Vigo 430, dirixida por Isabel Rubio, que interpretará as composicións que Brais González Pérez creou a partires dos temas musicais máis destacados do mundo dos videoxogos, estruturados nunha ducia de bloques, tal e como recolle o proxecto deseñado por Erea Carbajales Molina, e tendo como convidado especial ao youtubeiro e gamer León Picarón, especializado en Sonic, e que xogará a diversos videoxogos, ó fío desta interesante proposta.
As entradas poden adquirirse a través da web Ticketrona.com e na web da Orquestra Vigo 430. Este proxecto conta co apoio da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia, xestora do MUVI -o primeiro Museo aberto en España adicado á historia do videoxogo- que respalda e colabora na iniciativa, avalando coa súa experiencia e coñecementos a proposta da Orquestra Sinfónica Vigo 430.
Amais, sinalar que o concerto poderá seguirse en streaming na web e no Facebook da Orquestra Vigo 430 e tamén a través da plataforma Tolemias.tv, onde ficarán ao dispor de todos aqueles que queiran volver velos.

PUBLICIDADE