A Ourense ICC Week acolleu a entrega dos Premios María Luz Morales á investigación audiovisual

mércores, 3 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

Ourense serviu de escenario hoxe a entrega dos Premios María Luz Morales (terceira edición), destinados a recoñecer e visualizar as mellores contribucións das nosas creadoras e creadores ao audiovisual, poñendo o foco na investigación, no ensaio e no xénero documental. Na cita participou o presidente da Deputación, Manuel Baltar, quen tivo palabras para lembrar a María Luz Morales, pioneira da crítica cinematográfica española e “figura destacada na defensa do galeguismo e dos dereitos das mulleres”. Tamén lembrou que o galardón vén da man da Academia Galega do Audiovisual e que conta co apoio das catro deputacións galegas. O acto celebrouse no Centro Cultural Marcos Valcarcel, no marco da semana da creatividade, a tecnoloxía e a innovación Ourense ICC Week, que impulsa a Deputación.
Na cita deste mércords tamén participaron o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares; o deputado de Cultura da Deputación de Lugo, Eduardo Vidal; a representante do xurado dos ditos galardóns, Carme Nogueira; e os gañadores do certame. Carlos Ares destacou que nesta edición “foi na que se presentaron máis traballos, o que demostra a consolidación do premio e o pulo do sector audiovisual no noso país”.
O certame abrangue dúas modalidades: obras de investigación en formato de texto (ensaios escritos) e en formato audiovisual (videoensaios), e dúas categorías: unha do ámbito internacional e outra de ensaios relacionados co audiovisual galego. O premio, un por cada categoría, tivo unha dotación de 1.200 euros, ao que se suma a publicación dos traballos por parte da Academia Galega do Audiovisual.
Nesta terceira edición, o Premio Ensaio Escrito sobre Audiovisual Galego foi para José Coira e o accésit Ensaio Escrito sobre Audiovisual Galego foi para Sara Donoso. O Premio Videoensaio sobre Audiovisual Galego recaeu en Sara Varela, mentres que o accésit Videoensaio sobre Audiovisual Galego foi para Irene Basanta. O Premio Ensaio Escrito sobre Audiovisual Internacional foi para Xurxo González e o accésit desta categoría foi para Antón Varela. Por último, o premio Videoensaio sobre Audiovisual Internacional recaeu en Eire García e o accésit en Denisse Lozano.
Por outra banda, a programación da Ourense ICC Week colleu pulo esta mañá coa celebración dunha xornada centrada na arquitectura e o deseño, que tivo lugar na escola EASD Antonio Faílde de Ourense e coa participación da xornalista e historiadora Anatxu Zabalbeascoa. Pola tarde continúan as actividades no Centro Cultural Marcos Valcárcel onde o xornalista e crítico musical Víctor Lenore, do diario dixital VozPopuli, será o encargado de entrevistar, nun acto aberto ao público, ao músico e produtor musical Teddy Bautista.
Finalmente, a xornada de hoxe remata coa participación do xornalista Iker Jiménez, presentador do programa Cuarto Milenio, quen ofrece aos espectadores de Ourense o seu último formato, Cara a Cara, acto que terá lugar a partir das 20.00 horas, no Teatro Principal.

PUBLICIDADE