A RAE celebra a chegada do ñ ós dominios .es

luns, 5 de novembro do 2007 Marcus Fernández

A Real Academia Española acollerá a presentación oficial dos nomes de dominio internacionalizados baixo o sufixo .es nun acto presidido por José Luis Rodríguez Zapatero e que contará coa presenza dos directores das 22 Academias da Lingua Española e os ministros de Cultura e Industria.
A incorporación dos dominios IDN ó puntoes supón unha posta en valor do español na Rede, xa que o ñ e as tiles terán agora un lugar nos nomes de dominio de Internet, o que evitará moitas molestias ós usuarios que ve como nomes de empresas, localizacións e persoas se ven deturpados nos enderezos das súas respectivas páxinas web, de xeito que cidades como A Coruña xa non terán que resignarse a un acoruna.es.
A RAE quere destacar que o uso do .es pode alzarse non só como un dominio territorial, senón que tamén pode servir como «símbolo do español» segundo o director da institución, Víctor García de la Concha.
Na actualidade xa rematou o período de reserva de dominios multilíngües baixo o .es (para usuarios con dominio preexistentes que poidan contar con versión internacionalizada) e en breve se abrirá o proceso de rexistro aberto.

PUBLICIDADE