A RAGC convoca os Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2022
luns, 19 de setembro do 2022
A
Real
Academia Galega de Ciencias (RAGC) convoca os Premios de
Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2022, distincións
destinadas a “promover e recoñecer a investigación e o
desenvolvemento nas áreas de coñecemento de matemáticas, física e
da ciencias da computación, química e xeoloxía, bioloxía e
ciencias da saúde, ciencias técnicas ou ciencias económicas e
sociais”, todas elas integradas na RAGC.
Nesta
trixésimo segunda edición concederanse premios en dúas categorías:
a un traballo de investigación realizado por investigadoras e
investigadores sénior, dotado con 6.000 euros e un diploma
acreditativo; e un premio para incentivar a promoción de mozas e
mozos investigadoras e investigadores menores de 30 anos, dotado con
2.000 euros e un diploma acreditativo. O prazo de presentación de
candidaturas estará aberto ata o 4 de novembro. Poderanse conceder
mencións especiais ou declararse desertos.
Segundo
as bases da convocatoria, poderán concorrer “todas as persoas
investigadoras que presenten un traballo realizado total ou
parcialmente en universidades e centros de investigación de
Galicia”. Os traballos tratarán sobre temas ou aspectos
relacionados coas áreas temáticas xa mencionadas das seccións da
Academia. No caso do premio dun traballo de investigación, polo
menos unha ou un dos autores deberá ser doutor. O traballo pode ser
inédito, estar xa publicado ou aceptado para a súa publicación con
posterioridade ao 1 de xaneiro de 2022.
Só
se poderá concorrer a unha das dúas modalidades e presentarase unha
única candidatura por solicitante. O xurado estará composto por
sete membros, cinco deles pertencentes a cada unha das seccións da
Academia.