A RAGC entregou os seus premios anuais e enxalzou o talento galego na comunicación científica

mércores, 21 de xuño do 2023 S. P.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou na tarde deste mércores 21 de xuño, no Pazo de San Roque de Santiago, o acto de entrega dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas e o Premio RAGC de Divulgación Científica 2023; convocados coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia.
O evento contou coa participación do presidente da RAGC, Juan Lema; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; e a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama; entre outras autoridades e académicos da RAGC.
Na súa intervención, o presidente da RAGC indicou que “a Academia recoñece con estes premios un tipo de investigación de carácter orientado que dá lugar á creación ou mellora de actividades empresariais. Temos tres exemplos moi bos de traballos de investigación que son de interese para transferir ou que xa foron transferidos e espertaron o interese da comunidade científica. Recoñecemos ademais a transferencia á sociedade dos resultados científicos por medio da divulgación tanto xornalística como de divulgadores non profesionais”.
Pola súa banda, a directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, Patricia Argerey, destacou “o importante papel que desempeña a transferencia de coñecemento na transformación da ciencia excelente que se realiza na nosa Comunidade en competitividade económica e benestar social”. Neste senso, puxo en valor o programa Ignicia Transferencia de Coñecemento, impulsado pola Xunta de Galicia dende 2016 para apoiar a chegada ao mercado dos resultados das investigacións realizadas nos centros de coñecemento e no que participaron os tres proxectos premiados. felicitou tamén ao IES Rosalía de Castro polo seu compromiso no fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre o alumnado e a divulgación da cultura científica entre a sociedade.

Os galardóns

Os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia comprenden tres categorías, premiadas con 6.000 euros cada unha. O Premio Francisco Guitián Ojea a un traballo de investigación aplicada recaeu no proxecto de desenvolvemento dun fármaco innovador contra o cancro de colon metastático dun equipo do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) liderado por Angélica Figueroa. A investigadora principal agradeceu á Academia este galardón, salientando que “recoñece a nosa aposta por un proxecto enfocado á transferencia de coñecemento á sociedade e parécenos importantísimo que desde as institucións se valore o esforzo nesta dirección. Os premios son sempre unha gran motivación para seguir adiante e seguiremos apostando pola transferencia desta tecnoloxía, co fin de poder axudar aos pacientes con cancro”. O equipo está a desenvolver un fármaco deseñado especificamente contra unha diana terapéutica, a proteína Hakai, co fin de inhibir a progresión e a metástase do cancro de colon. Ademais, aseguran que este fármaco podería desenvolverse para abordar outros tipos de carcinomas.
O Premio Fernando Calvet Prats a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía dun grupo de investigación foi para o Grupo de Sistemas Intelixentes do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago, coordinado por Alberto Bugarín. Desenvolveu unha tecnoloxía en minería de procesos e xeración de linguaxe natural referente a nivel mundial, proceso que culminou coa creación en 2020 da nova firma InVerbis Analytics, integrada na actualidade por un equipo de 20 persoas. “A minería de procesos é unha disciplina da Intelixencia Artificial que investiga en algoritmos e modelos de datos que permiten descubrir e representar o desempeño real dos procesos nas organizacións, co fin de mellorar a súa eficiencia, posto que todos os procesos informatizados deixan unha pegada dixital nos sistemas de información das empresas”, explicaron, subliñando o seu agradecemento por unha distinción que reivindica dúas liñas de investigación en IA “moi consolidadas no noso grupo, que tratan temas de gran impacto e actualidade: a minería de procesos e a xeración de linguaxe natural. E estamos tamén moi satisfeitos porque en ambos casos trátase de resultados propios que comenzaron como investigación básica”.
O Premio Ricardo Bescansa Martínez a un caso de éxito de implantación de tecnoloxía transferida foi para a empresa Diversa Technologies. Nace en 2022 como unha spin-off biotecnolóxica xurdida da Unidade de Nano-Oncoloxía e Terapéutica Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e do Servizo Galego de Saúde. A súa orixe baséase na transferencia da nanotecnoloxía desenvolta e patentada polo grupo para mellorar a distribución e liberación de moléculas terapéuticas e, por tanto, óptima para o desenvolvemento de novos fármacos.
Unha das fundadoras da empresa, María de la Fuente, salientou que “este premio recoñece o traballo que levamos realizando nos últimos dez anos, nos que desenvolvimos un novo tipo de nanosistemas coa ambición de poder contribuír ao descubrimento de medicamentos innovadores para dar resposta a necesidades médicas non cubertas. Motívanos para seguir a traballar polo avance da ciencia e a tecnoloxía en beneficio da sociedade galega”.
Tamén se entregou o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas, que foi para a reportaxe La revolución silenciosa de los informáticos da xornalista Mila Méndez Otero (Sanxenxo, 1984), publicada en La Voz de Galicia, que aborda a concentración de empresas do sector TIC na Coruña e a súa área de influencia. A xornalista recibiu unha dotación de 3.000 euros. Na súa intervención, a galardoada salientou que “é unha honra recibir este premio, que leva o nome dunha das pioneiras da ciencia en Galicia, a coruñesa Celia Brañas. Ela defendeu a dotación de medios para a investigación na nosa comunidade, unha reivindicación que temos que seguir realizando hoxe os medios de comunicación, porque sen ciencia non hai progreso. E, para iso, son necesarios os esforzos por dar a coñecer o que se fai nos laboratorios, non só nos das universidades ou institucións científicas, tamén nos do noso tecido produtivo”.
Ademais, outorgouse un accésit á reportaxe Explorar el poder curativo de la música de José Luís Jiménez Díaz (Huelva, 1981), publicada en ABC. Céntrase no proxecto Sensogenomics, desenvolvido por un equipo do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), que estuda o potencial terapéutico da música. O galardoado recibiu 1.000 euros. “Es un orgullo recibir este reconocimiento de la RAGC porque premia una manera de hacer periodismo que en ocasiones no encaja con el ritmo de los tiempos que atraviesa la profesión”, dixo.
Premio de Divulgación Científica para o IES Rosalía de Castro de Santiago
Finalmente, o Premio RAGC de Divulgación Científica 2023 foi para o IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago, como centro pioneiro na realización de actividades de divulgación científica. O seu director, Xavier Mouriño, manifestou que “hai que interesar aos rapaces e rapazas en investigación e ciencia. Este é un premio para o alumnado do centro, que se está a implicar moito, e para o profesorado, que os motiva e esperta a súa curiosidade, pero tamén é un recoñecemento para todos os centros educativos de Galicia que traballan por promover as vocacións científicas”.
Patricia Argerey cualificou de “excelente” a ciencia que se desenvolve en Galicia
No acto tamén participou a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, quen destacou “o importante papel que xoga a transferencia do coñecemento para transformar a ciencia excelente que se desenvolve en Galicia en competitividade económica e benestar social”. Por este motivo, dixo, “a transferencia de coñecemento dos centros de investigación ao tecido produtivo constitúe unha prioridade na política de I+D de Galicia, tal como recolle a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia”.
Para afrontar este reto global e seguir mellorando o desempeño de Galicia nesta materia, Argerey puxo en valor “o programa Ignicia, impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración coa Fundación Barrié co obxectivo de apoiar a chegada ao mercado dos resultados da investigación que se realiza nos centros de coñecementos galegos”.
Argerey lembrou que os tres proxectos e empresas premiadas nesta edición dos Premios á Transferencia de Coñecemento en Galicia participaron ou xurdiron directamente do programa Ignicia: o proxecto Canther da Fundación Profesor Novoa Santos; a spin-off da Universidade de Santiago de Compostela Inverbis Analytics; e a spin-off da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela Diversa Technologies.
A directora da Axencia Galega de Innovación tamén lembrou o papel clave que desempeñan os medios de comunicación e os profesionais da información na visibilización da ciencia que se realiza en Galicia e na sensibilización social cara a ciencia e a tecnoloxía, en referencia á premiada na oitava edición do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas, Mila Méndez, e José Luis Jiménez, que recibiu o accésit. Por último, a directora felicitou tamén ao IES Rosalía de Castro polo Premio á Divulgación Científica 2023 e subliñou o seu traballo a prol do fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre o alumnado e a divulgación da cultura científica entre a sociedade.

PUBLICIDADE