A Rede CeMIT de AMTEGA asume a secretaría da organización estatal Somos Digital

luns, 4 de abril do 2022 S. P.

A 14ª asemblea da Asociación Somos Digital, que agrupa 15 entidades do ámbito estatal baixo o obxectivo común de “acelerar e dar soporte á formación en competencias dixitais da cidadanía” (con especial atención ás contornas rurais e aos colectivos en risco de exclusión), renovou a súa xunta directiva, asumindo a Rede CeMIT da axencia galega AMTEGA a secretaría da organización.
Con ocasión da asemblea, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia presentou a súa axenda de actividades do Día de Internet, que este ano coordina Galicia a través da Rede CeMIT, e que, ao longo dos vindeiros meses de abril e maio, “encherá o calendario de eventos e seminarios en liña” baixo a temática Tecnoloxías dixitais para as persoas maiores e o envellecemento saudábel.
No encontro de Madrid aprobouse o novo Plan Estratéxico 2022-2025 da asociación, en cuxa redacción participou a Rede CeMIT e no que a entidade aborda cinco liñas estratéxicas que apostan “por impulsar e ser un referente no desenvolvemento das competencias dixitais segundo o marco Europeo DigComp”, por “incrementar a súa incidencia institucional e política”, por “aumentar a xestión profesionalizada da entidade e o intercambio de coñecemento e experiencias en rede”, así como “por fortalecer a comunicación tanto interna como externa e facer un especial esforzo no acompañamento e reforzamento da figura dos dinamizadores dixitais, esenciais na actividade de Somos Dixital e, dentro dela, da Rede CeMIT de Galicia”, explicaron fontes da axencia autonómica que dirixe Mar Pereira.
A Asociación Somos Digital está conformada por máis de 1.500 Centros de competencias Dixitais, espazos públicos de acceso libre que poñen en marcha proxectos e iniciativas que conectan e capacitan ás persoas a través das TIC. Galicia, a través da Rede CeMIT, forma parte deste colectivo dende 2009.

PUBLICIDADE