A Rede de Bibliotecas da Coruña abre un espazo dixital adicado á memoria local

xoves, 25 de outubro do 2018 Redacción

A Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, co gallo do Día de Biblioteca (24 de outubro), vén de pór en marcha unha serie de actividades conmemorativas que se dirixen a mostrar o seu labor a prol da cultura e a dinamización social e, tamén, a seguir xerando espazos de participación e encontro. Unha destas accións é a apertura dun novo espazo na súa páxina web adicado á Memoria Local.
O novo recurso en liña busca pór en valor os fondos da Rede e nel ofrécese información vencellada á coleccións especiais e ás bibliotecas de particulares, que son contribucións de persoas ou familias ao fondo da Biblioteca de Estudos Locais. Estes contidos ofreceranse de maneira agrupada e accesíbel para a veciñanza, informou a Rede.
Este espazo, que se actualizará periodicamente con novos contidos, inaugurouse onte cunha colección de tarxetas publicitarias, que abrangue un período comprendido entre finais do século XIX e mediados do século XX, con máis de 100 imaxes ligadas á Coruña. Segundo explica a Rede de Bibliotecas da Coruña, estes documentos (na súa maioría ligados a tarxetas publicitarias e postais), ofrecen información de interese tanto do municipio como das propias tendencias estilísticas do deseño e as artes gráficas.


PUBLICIDADE