A Rede de Escolas na Nube senta os alicerces para estenderse a todo o noso rural

venres, 17 de novembro do 2017 Redacción

O proxecto Rede de Escolas na Nube vaise ampliar a todas as Escolas Rurais Agrupadas de Galicia. Así o deron a coñecer este mes os impulsores actuais do dito proxecto, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), a empresa Balidea e máis a Xunta (AMTEGA e a Consellería de Educación e Cultura). Como lembraremos, a Rede foi creada hai case oito anos co obxectivo de explorar (e explotar) as vantaxes da computación na nube (cloud computing) desenvolvidas na contorna das pequenas escolas rurais, na nosa terra os Centros Rurais Agrupados (CRA). O dito traballo foi posíbel na súa orixe grazas ao apoio financeiro que HP Labs emprestaba ao CESGA e en 2014 recibiu un importante pulo orzamentario para un proxecto europeo de cara a validar e mellorar os achados obtidos noutras zonas rurais e illadas de Europa. Agora, a Rede de Escolas de Nube volve recibir impulso coa posibilidade de espallarse a todo o noso rural.
A dita nova (o espallamento da iniciativa) deuse a coñecer nunha xuntanza entre a Consellería de Educación e AMTEGA, por unha banda, e os equipos directivos de todos os Centros Rurais Agrupados (CRAs) de Galicia. Na presentación da Rede de Escolas na Nube ofrecéuselles a posibilidade de incorporarse ao proxecto.
Como recordaremos, catro deles (o CRA Boqueixón - Vedra Neira Vilas, o CRA de Vilaboa Consuelo González Martínez, o CRA Amencer de Ribadavia, e o CRA Nosa Señora do Faro de Ponteceso) están a participar desde 2012 como centros piloto ao abeiro da iniciativa.
O proxecto de innovación educativa Rede de Escolas na Nube xurdiu como colaboración entre o CESGA, quen coordinou a iniciativa, a empresa galega Balidea Consulting & Programming, a Consellería de Educación e a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia da Xunta de Galicia.
Segundo se lembrou na xuntanza, a Rede de Escolas na Nube supón “un modelo de infraestrutura, servizos e metodoloxía de traballo baseado en computación cloud e software aberto ao servizo do ensino e a colaboración entre as escolas rurais distribuídas, creando unha rede na que se poidan compartir de maneira segura experiencias educativas, materiais e aprendizaxe, adaptada a contorna ás necesidades deste modelo de escola rural distribuída e multinivel”.
Asemade, fíxose fincapé nos bos precedentes abertos polo proxecto: “A Rede de Escolas na Nube é un claro exemplo dunha colaboración de éxito entre institucións públicas e privadas galegas”, unha iniciativa que, neste caso concreto, é quen de “repercutir nun beneficio directo para a sociedade, así como nunha aposta de futuro para a creación de produtos innovadores made in Galicia”.

PUBLICIDADE