A Rede senta as bases dunha nova experiencia viaxeira máis libre e barata: o turismo P2P

xoves, 16 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

Din os especialistas máis independentes que a crise económica non é tal, e que o proceso é máis ben un reaxuste, unha tarefa xeral de reequilibrio no que todo o que ten valor real vai ficar radicalmente afastado do que non o ten: algo así como unha experiencia global de separación do gran da palla. Neste senso, xa se están a ver os primeiros sinais de cousas que teñen que caer polo seu propio peso: o estrago de recursos que provoca o sistema enerxético mundial ou ben a proliferación urbanística, na actualidade relativamente necesaria pero de consecuencias terribles a medio e longo. Neste panorama, cómpre non estrañarse se paseniño se desvela ese compoñente de ilusionismo que ten o comercio con intanxibles mentres colle forza o tradicional troco de obxectos e habilidades. Nesta liña é onde se sitúa xa unha parte da Rede, collendo corpo en medidas como bancos de tempo, actividades libres de compravenda ou mesmo intercambio de bens a título persoal. O turismo, neste senso, non é unha excepción. Os demandantes de viaxes andan á procura de alternativas aos paquetes organizados a partir de intrincados engadidos de taxas e visitas guiadas por rutas que semellan escenarios: o que se busca agora é cambiar por un tempo unha vida por outra. De aí o medre sufrido este ano no empréstamo recíproco de casas para residir ou de vehículos diversos para viaxar, procesos que sen a concorrencia da Rede non sería posible.
Segundo datos de Frontur, dos 57,4 millóns de turistas estranxeiros que o ano pasado viaxaron a España, preto de 12,4 millóns, o 21%, aloxáronse en vivendas de balde, ou sexa, casas de amigos, familiares ou contactos en Internet.
A cousa non para de medrar e mentres as restantes actividades turísticas tocan teito, a abordada pola vía alternativa é a única que se mantén e mesmo se incrementa. Especialmente a levada a cabo a través das canles en liña co fin de intercambiar un domicilio durante un tempo.Este troco, que non é novo (xurdiu a mediados do século XX no centro e norte de Europa, operando grazas a catálogos e revistas), está a recibir arestora un importante pulo grazas a outro pulo: o do que vén de ser obxecto a propia comunicación pola vía de Internet. Hoxe en día, segundo se nos conta en Hosteltur.com, hai múltiples recursos na Rede onde nos podemos apuntar a esta nova modalidade de viaxar e facer turismo. Por exemplo: a web de Intervac, unha organización experimentada neste tipo de actividades que abrangue un total de 50 países e que ten preto de 11.500 usuarios-propietarios de todo o mundo. O único que se lles pide é o pago dunha contía anual de 145 euros co fin de situar o seu anuncio e estar en disposición de acceder á base de datos da organización. A cousa non para aí: segundo estudos de Infonomía achegados por Alfons Cornellá e reflectidos pola dita web Hosteltur.com, estanse a sentar as bases do que ben se podería chamar Turismo P2P, unha actividade vinculada ao lecer que, como o seu propio nome indica, prima o libre intercambio de recursos e actividades sobre o beneficio a toda costa de terceiros e intermediarios. De aí o éxito de webs como Tripadvisor, onde os internautas promoven o fluxo de coñecemento arredor de produtos e servizos vinculados ao turismo.
Na imaxe, mochileiro visto por Guatman en terras de Málaga.

PUBLICIDADE