A Revista Galega de Educación presenta na Coruña o seu monográfico sobre videoxogos

luns, 7 de agosto do 2017 Redacción

No marco da Feira do Libro da Coruña presentouse esta mañá o monográfico Aprendendo con Videoxogos da Revista Galega de Educación promovida pola Nova Escola Galega, publicación pedagóxica en lingua galega que cada catro meses diríxese aos educadores para achegar ferramentas e fomentar un clima e unha mentalidade pedagóxica propicia para acadar «un sistema educativo público, galego, renovado e democrático».
Esta última entrega da Revista Galega de Educación contou coa pedagoga e especialista en materiais didácticos dixitais Silvia López Gómez como coordinadora, e entre os artigos que compoñen este monográfico especial hai referentes actuais do sector do videoxogo e tamén experiencias relatadas polo profesorado que utiliza os videoxogos nas aulas, como ben detallou esta mañá na Coruña acompañada polo director da publicación, Jesús Rodríguez, quen salientou que a revista contribúe a desbotar numerosos mitos sobre os videoxogos que están moi asentados entre o público.
A revista comeza introducindo ao fenómeno dos videoxogos, para achegar un punto de vista histórico, dando conta dos seus efectos nas persoas segundo investigacións relacionadas e incluso analizando as súas oportunidades e desafíos na súa inclusión nas aulas e no fogar. Colaboran nesta sección Marcus Fernández (Código Cero), Xurxo Mariño (UDC), Silvia López Gómez (DIMElab), Carlos González Tardón (People & VIDEOGAMES) e Mª Esther del Moral Pérez (Universidade de Oviedo).
Tamén preséntanse proxectos de centro e experiencias de aula relacionadas coa análise e reflexión crítica sobre os videoxogos, así como coa creación de contidos e xogos dixitais por parte do alumnado de educación primaria, secundaria e bacharelato nas que se empregan ferramentas como Minecraft, e-adventura e Scratch. Achegan as súas experiencias María Begoña Codesal Patiño (CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo), María Loureiro González (IES Primeiro de Marzo de Baiona), Agapito Muñiz Llanos e Sonia Vivero Nogueiras (IES de Sabón en Arteixo) e Miguel Vázquez Freire (IES Eduardo Pondal de Santiago).
Ademais no monográfico inclúense achegas relacionadas con outros espazos diferentes ás aulas e aos fogares onde os videoxogos teñen cabida. Amósase a presenza dos videoxogos nas bibliotecas escolares e afóndase na importancia destes medios nos museos, ademais de presentarse un videoxogo xurdido dende o ámbito sanitario.
Completan o tema deste monográfico o apartado Para sabermos algo máis... no que Silvia López e Aitor Barbosa (Imagames) inclúen recursos de interese sobre xogos dixitais, e a entrevista realizada á Dra. Begoña Gros Salvat (Facultade de Educación da Universidade de Barcelona). Na sección A lingua Santiago García Sanz (Universidade de Vigo) reflexiona arredor do estado actual do galego nos videoxogos.
Jesús Rodríguez lembrou que este monográfico pode adquirirse en librarías de toda Galicia ou contactando por correo electrónico coa Nova Escola Galega.

PUBLICIDADE