A Sala Nasa ultima o lanzamento da súa canle televisiva na Internet

martes, 27 de abril do 2010 Marcus Fernández

A Sala Nasa vai estrear na segunda semana de maio unha canle televisiva a través da Internet baixo o dominio RedeNasa.TV, que permitirá a reprodución de contidos audiovisuais procedentes dos arquivos da popular sala compostelá dende hai case 20 anos, aproveitando este o espazo virtual para abrirse á participación en liña, ofrecendo ferramentas para acceder a espectáculos ao vivo e á participación do público.
Actualmente o arquivo sa Sala Nasa conta con máis de 600 horas de actuacións, concertos, Ultranoites… que están a ser dixitalizadas para a súa publicación na web, accesibles «a través dun buscador que se chamará A Robaliza», segundo comentou o actor do grupo Chévere, Miguel de Lira.
Este desenvolvemento vén da man de A Navalla Suíza, estudo moi curtido na creación de espazos que teñen o vídeo coma eixo (sendo Flocos.TV a súa obra de referencia), de aí que é de agardar que o proxecto final sexa dun nivel máis que aceptable, converténdose nunha atractiva escolma cultural.

PUBLICIDADE