A Secretaría Xeral de Comunicación e a CRTVG colaborarán na promoción do audiovisual galego

luns, 23 de xullo do 2007 Marcus Fernández

Benigno Sánchez e Fernando Salgado asinan o convenio

O Secretario Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, Fernando Salgado, asignou hoxe co Director Xeral da Compañía da Radiotelevisión de Galicia, Benigno Sánchez, un protocolo de colaboración entre as dúas institucións para a difusión da produción audiovisual galega na Rede.
Esta iniciativa pretende facilitar o acceso a unha parte do patrimonio audiovisual galego ós programadores das novas canles de TDT, así como a outros emisores de televisión e ó público en xeral. Favorécese así a maior difusión dos fondos audiovisuais da televisión pública galega á vez que se facilita a adquisición de dereitos de emisión de contidos nas televisión locais e outros medios de comunicación.
Os contidos de acceso público, difundidos en formatos axeitados para a súa visualización a través da Internet e en reprodutores de vídeo persoais terán un carácter promocional, e as producións que participen no proxecto pararán a formar parte da mediateca que a Secretaría Xeral está a xestionar a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual e que alberga vídeos, imaxes e outros ficheiros dixitais relativos ó audiovisual que van dende cursos ata longametraxes.
O acordo entre os entes públicos tamén servirá para establecer as bases de próximas colaboracións na dixitalización do arquivo da TVG

PUBLICIDADE