A Tecnópole cederá o seu espazo de coworking aos gañadores da Starup Pirates Galicia

luns, 7 de abril do 2014 Fernando Sarasketa

Como lembraremos, o certame Startup Pirates Galicia, adaptación á nosa terra e ás características das nosas empresas do espírito de aprendizaxe e innovación dos eventos internacionais Startup Pirates, vaise desenvolver do 3 ao 10 de maio en Ourense. A edición ourensá celebrarase ao longo de oito xornadas de actividades dirixidas a todos aqueles que queiran embarcarse na aventura de seren emprendedores, facéndose fincapé na cuestión do emprendemento social, ou sexa, nas metodoloxías para fomentar a creación de empresas que xeren negocio, benestar, igualdade e desenvolvemento para todas e todos. Pois ben, segundo puidemos saber, os gañadores contarán con espazo de traballo compartido gratuíto nas proximidades da mesma cidade de Ourense. Máis polo miúdo na Tecnópole, que cederá de balde a súa sala de coworking para tal efecto.
Deste xeito, os vencedores da edición galega do dito programa internacional Startup Pirates terán un espazo privilexiado para dar corpo e impulso ás súas iniciativas tecnolóxico-sociais. Segundo explica a Tecnópole a raíz da presentación os días pasados do certame no propio complexo empresarial de San Cibrao das Viñas (Ourense), “amais de participar na formación e o xurado do programa, o Parque Tecnolóxico de Galicia premiará aos gañadores con este espazo durante tres meses e medio para o desenvolvemento das súas ideas de negocio”.
Como dixemos xa en Código Cero, StartUp Pirates ten o obxectivo de axudar a potenciais emprendedores a desenvolver ideas de negocio nunha semana. Trátase dunha iniciativa internacional que conta con 3 anos de traxectoria noutros países do mundo. En Ourense celébrase por vez primeira, collendo corpo na semana que vai do 3 ao 10 de maio en “sesións intensivas para os emprendedores”, en grupos de entre 20 e 25, e máis os colaboradores que os asesorarán para impulsar o aceleramento de cadansúa iniciativa de negocio.
A Confederación de Empresarios de Ourense, socia estratéxica da implantación na cidade do certame, achegará bolsas a 10 dos participantes e colaborará en todo o proceso de formación. Ademais da Tecnópole e a CEO, tamén cooperan no seu desenvolvemento outras entidades como a Universidade de Vigo. Tamén acudiron á presentación do evento Patricia Díaz, María Regueira e Mónica Mura, as responsábeis do programa en Galicia, que amosaron en detalle a metodoloxía das sesións, “que se desenvolven formando equipo e potenciando as habilidades comunicativas”, e expuxeron as cotas de participación e os premios que ao final do programa reciben tanto os participantes como o proxecto gañador.

PUBLICIDADE