A Tecnópole informará ás firmas locais sobre as súas vindeiras obrigas en materia de protección de datos

mércores, 1 de marzo do 2017 Redacción

A Tecnópole de Ourense (Parque Tecnolóxico de Galicia) quere informar ás empresas que acubilla sobre o novo regulamento relativo á protección de datos da Unión Europea, unha normativa aplicábel a partir de maio de 2018 para todas as as organizacións que traten con información, achegándolles novas obrigas e un compromiso máis activo na salvagarda da privacidade allea. Para favorecer nas empresas locais un meirande coñecemento destes cambios no regulamento a Tecnópole centrará o seu vindeiro almorzo tecnolóxico, previsto para o 15 de marzo, na devandita cuestión. As empresas situadas no Parque Tecnolóxico de Galicia e tamén as do Polígono de San Cibrao das Viñas están convocadas a esta cita, “co obxectivo de que intercambien coñecemento e tamén oportunidades de negocio”.
O almorzo organizado por Tecnópole, que terá lugar entre as 9.30 e as 10.30 horas na terceira planta do Edificio CEI de Tecnópole, está aberto á inscrición. Baixo o título Os retos do novo Regulamento Xeral de Protección de Datos da Unión Europea, Álvaro Gómez Vieites, consultor asociado de Inprosec e profesor de IESIDE, presentará os aspectos máis relevantes e as principais repercusións que ten para a contorna empresarial a nova normativa europea.
Segundo lembra a Tecnópole, o regulamento foi aprobado a mediados do ano pasado para actualizar a normativa vixente desde 1995 e axeitala así “aos retos que implican as novas tecnoloxías”. As empresas teñen de prazo ata maio de 2018 para adaptar os seus procedementos á nova norma, que incrementa o control sobre a seguridade dos datos.
Entre outras novidades, engaden os organizadores do almorzo, o regulamento introduce a figura do delegado de protección de datos, “obrigatorio en entidades públicas e empresas de máis de 250 empregados”, pero tamén nas PEME “cuxa actividade implique o tratamento de datos sensíbeis” Ademais, explican, endurécense as sancións en caso de incumprimento, que poden chegar ao 4% da facturación ou os 20 millóns de euros.

PUBLICIDADE