A Tecnópole pon a punto a súa páxina web

xoves, 6 de febreiro do 2014 Redacción

O Parque Tecnolóxico de Galicia, Tecnópole, vén de informar dun redeseño e optimización da web de seu, a nivel de contidos pero tamén de feitura, respondendo ás solicitudes e suxestións dos seus usuarios. Segundo contan os responsábeis do complexo empresarial ourensán, unha das grandes novidades afecta ao acceso e ao uso da web por parte dos internautas, agora máis intuitivos. Asemade, simplificáronse trámites relativos a servizos e renovouse a estética do sitio, arestora de meirande impacto visual e cun interese claro por impedir que o navegante perda o rumbo buscando a información que desexa atopar.
Segundo se engade, “un dos apartados nos que se intensificaron especialmente os esforzos é o relativo aos servizos que ofrece o Parque Tecnolóxico de Galicia, tanto ás súas empresas coma ás de fóra, reorganizándoos para facelos máis accesibles”. Asemade habilitouse un acceso máis directo á información e aos recursos precisos para que as novas empresas interesadas en instalarse no complexo poidan comezar os trámites para facelo (simplifícase a información das fórmulas dispoñíbeis para formalizar a adhesión e mellóranse os formularios).

PUBLICIDADE