A Tenda Ovi de Nokia xa está operativa

martes, 26 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

O catálogo da Tenda Ovi pode consultarse vía web

Nokia vén de abrir posto de venda. Falamos da Tenda Ovi, unha rede de establecementos dispoñible en todo o mundo para unha cifra estimada de 50 millóns de propietarios de móbiles do fabricante. A iniciativa comercial, que en boa medida xustifícase no lanzamento do seu produto estrela da tempada, o Nokia N97, adquire en Internet unha faciana ben concreta, a da web store.ovi.com. Por certo que segundo informa a compañía, os clientes xa están en disposición de empregar o navegador do seu móbil para descargar, personalizar e enriquecer os seus aparellos coas aplicacións, ferramentas e xogos de todo tipo que na devandita tenda se ofrecen. “Coa Tenda Ovi ”, sinala nun comunicado Tero Tero Ojanperä, vicepresidente executivo de Nokia Services, “mercar contidos e aplicacións é doado e divertido para os propietarios tanto de móbiles básicos como de móbiles intelixentes”.
Unha das ideas básicas é facer uso deste recurso para actualizar o terminal dos usuarios: isto pódese facer a través da aplicación móbil Tenda Ovi seleccionando a icona desta no cartafol Descargar do móbil. Por certo que o servizo está dispoñible en inglés, alemán, italiano, ruso e español, e permite a facturación a través do operador en Australia, Alemaña, Irlanda, Italia, Rusia, Singapur, España e o Reino Unido. A facturación con tarxeta de crédito, informa Nokia, está accesible en todo o mundo a través da aplicación móbil e do sitio web móbil. No que queda ano, iranse engadindo novos países, linguas, dispositivos móbiles e funcións.

PUBLICIDADE