A Toxa acolle o día 30 a XXI Noite Galega das Telecomunicacións

luns, 19 de setembro do 2016 Redacción

Vista do Gran Hotel da Toxa, sede da celebración

O vindeiro día 30 de setembro terá lugar no Gran Hotel da Toxa (O Grove) a XXI Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. Trátase dun evento xa histórico no ámbito galego e estatal das novas ferramentas dixitais: a nova edición dun encontro no que se xuntan boa parte dos nosos profesionais e das nosas empresas máis referenciais do ámbito das comunicacións avanzadas, o coñecemento e a innovación. A Noite, organizada un ano máis polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG), servirá tamén para visualizar e recoñecer o esforzo innovador das nosas empresas, profesionais, organizacións e investigadoras/es. De feito, no seu marco celébrase a entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información.
Destes galardóns falamos recentemente en Código Cero, dando conta das resolucións do xurado e, polo tanto, das identidades das empresas, institucións, organismos e investigadores premiadas/os no certame.
Por certo que esta 21 edición do evento xirará baixo o lema A transformación dixital. O desafío 4.0. Con este epígrafe, a organización quere subliñar a importancia da integración de sectores tan estratéxicos como o económico, servizos e industrial coa sociedade tecnolóxica, “en aras dunha nova economía dixital e sustentábel”.
O comezo da Noite está previsto para as 20.00 horas co cóctel de benvida aos asistentes e as sesións de networking. Ás 21.30 realizaranse as presentacións do evento (facendo fincapé no lema que o acompaña e nos concepto que abrangue este lema) e, logo, a entrega de recoñecementos dos Premios Galicia das Telecomunicacións. Ás 23.00 horas está previsto que comece a cea de gala.

PUBLICIDADE