A UCGAL pide ás operadoras que sigan o camiño de Movistar e retiren as permanencias

mércores, 7 de outubro do 2020 S. P.

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) vén de emitir un comunicado conxunto con outras entidades cidadás (UCC, ADECES, AI e UCEUSK) no que valoran positivamente a retirada da permanencia da operadora Movistar a través da súa liña Fusión, ao tempo que solicitan aos restantes operadores que “secunden a iniciativa nos seus produtos”. Segundo fan saber, a medida de Movistar é un exemplo de aposta “pola libre elección” dos usuarios (que deixan de estar obrigados á dar continuidade a súa relación contractual cunha compañía), e, polo tanto, impulsa a competencia e a calidade.
Para as asociacións, a libre elección é “o substrato básico que impulsa a competencia en termos de calidade, xa que logo xeralmente as decisións de cambio dos usuarios susténtanse na insatisfacción co servizo recibido”. Neste sentido a penalización por non prolongar un contrato de permanencia opera “coma unha barreira á competencia”. En definitiva, as asociacións avogan “por que os operadores conserven ou gañen cota de mercado pola calidade dos seus servizos prezos e prestacións e non pola obriga de permanecer atado baixo pena de sanción económica”.
A UCGAL lembra que até o de agora Movistar tiña fixado para os produtos de Fusión un compromiso de permanencia de 3 meses, cunha penalización de 130 euros, ligada á instalación por vez primeira da fibra.
Pola súa banda, o resto de operadores manteñen os seguintes compromisos e penalizacións:
· Vodafone: 12 meses de permanencia. Ate 150 euros de penalización.
· Orange: 12 ou 24 meses. Ate 100 euros de penalización.
· Euskaltel: 12 meses. Até 180 euros de penalización.
· Masmovil: 12 meses. Segundo se trate de fibra ou ADSL, a penalización, ligada á instalación, acada os 181 e os 121 euros respectivamente. Non prorrateábel.
· Telecable: 12 meses. Ate 120 euros de penalización.
· R: 12 ou 24 meses. Ate 180 euros de penalización.

PUBLICIDADE