A UDC centraliza este venres o impulso conxunto da Estratexia Dixital 2030

mércores, 3 de xullo do 2019 Redacción

A Facultade de Informática da Universidade da Coruña acollerá este venres 5 de xullo o I Foro de Debate Profesional organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA) no marco da Estratexia Dixital de Galicia 2030. O debate celebrase co fío temático da especialización tecnolóxica, centrándose nas novas tendencias tecnolóxicas, no talento dixital e no emprendemento.
Será inaugurado pola directora da dita axencia autonómica, Mar Pereira, e o reitor da UDC, Julio Abalde. O debate estará deseñado de xeito práctico para que todos os asistentes interactúen, poñendo o foco na identificación de “pancas para conformar a sociedade galega do futuro”, informan as entidades organizadoras.
Durante o encontro, desenvolveranse tres grupos de debate. O primeiro, Tendencias tecnolóxicas, tratará as oportunidades que supoñen tanto o desenvolvemento de solucións innovadoras baseadas en novas tendencias tecnolóxicas (Intelixencia Artificial, datos a gran escala, cadea de bloques) como a súa aplicación en todos os ámbitos da economía, tanto no sector privado como no público. A continuación, será a quenda do bloque Talento dixital, no que afondará na fenda entre a demanda e a dispoñibilidade de traballadores con competencias dixitais avanzadas e a necesidade de dotar a Galicia dun capital humano preparado para a transformación dixital. Por último, tratarase o debate sobre Emprendemento, onde se abordará a intersección entre diferentes tecnoloxías, sectores produtivos e disciplinas de coñecemento como fonte de solucións innovadoras.
A elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030 está a coller pulo con catro sesións de traballo que congregan nesta primeira semana de mes aos axentes implicados en procesos de transformación dixital en distintos ámbitos de actuación, contando coa participación de representantes das principais empresas da comunidade, do hipersector TIC, das institucións públicas e da sociedade.

PUBLICIDADE