A UDC contará cun centro tecnolóxico no campus de Elviña

martes, 19 de decembro do 2006

O campus de Elviña na Universidade da Coruña (UDC) medra en espazo físico e tamén na súa achega tecnolóxica. Así o fixeron saber estes días as Consellerías de Educación e Política Territorial, o Concello da Coruña e a propia UDC, logo de que asinaran un convenio de colaboración para a construír nos polígonos I e III un centro tecnolóxico.
O proxecto, que recibirá 1.600.000 euros da Xunta, serviralle á UDC para afondar na súa aposta pola Investigación e o Desenvolvemento e para estreitar os fíos que están a unir hoxe en día o educativo co tecnolóxico e que repercuten nunha mellora (recíproca) de ámbolos conceptos.
Para a UDC, a intención é a de empregar este centro tecnolóxico como un dos alicerces fundamentais do seu parque tecnolóxico (en desenvolvemento).
Tódolos asinantes estiveron de acordo no mesmo punto: na importancia de acadar unha boa sintonía entre a Administración, o sector empresarial e as universidades e achegar (a través de convenios como o devandito) dinamismo, excelencia e competitividade a proxectos que pola súa propia natureza precisan de especial atención: os tecnolóxicos.

PUBLICIDADE