A UDC e Navantia apuntalan a consolidación definitiva do estaleiro 4.0

venres, 30 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Onte presentouse o novo vieiro para a Unidade Mixta de Investigación UDC-Navantia, un vieiro con nome propio, O estaleiro do futuro, e que inclúe múltiples elementos e novidades para converter o estaleiro ferrolán no máis avanzado e innovador de cantos se coñecen. Ou sexa, nun estaleiro 4.0 referencial. O novo impulso da UMI, creada en 2015 para establecer pontes de transferencia tecnolóxica entre a UDC e Navantia (no camiño de optimizar os procesos de produción da empresa), foi debullado nos seus detalles polo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o director de Tecnoloxías Dixitais de Navantia, Carlos Merino. A idea, segundo fixeron saber, máis que cambiar a cerna da cooperación (xa que esta deu importantes probas de ter sido un éxito), é potenciar o que xa estaba. Nun principio, por tres anos máis.
Abalde e Merino engadiron que a proposta xa foi avalada pola Xunta, coa concesión da Axencia Galega de Innovación, GAIN, de 2,59 millóns de euros para este novo período ata 2021.
Segundo explicou o reitor, “para a UDC é un fito moi importante e supón un reto colaborar con Navantia na construción das fragatas F-110 en todo o relacionado coa optimización de procesos ou robótica para facer máis competitivos os estaleiros ferroláns”. E engadiu: “Estamos consolidando a industria naval de Ferrol creando futuro”, engadiu Abalde.
Pola súa banda, o director de Tecnoloxías Dixitais de Navantia asegurou que “a UMI será un motor esencial no desenvolvemento 4.0 de Navantia en Ferrol”.
Respecto dos traballos concretos dos traballos a realizar no vindeiro trienio, a UMI traballará nas liñas principais de investigación abertas en 2015, entre as que cómpre salientar os proxectos de modelado e simulación e procesos, de rastrexabilidade de elementos intelixentes e de sistemas de servizos integrados (o que se coñece como buque sen cables). Amais, engádense dous proxectos a maiores: o proxecto Xemelgo Dixital (que servirá de alicerce para a fragata F-110) e o de Operador Asistido (que contará coa axuda do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia e que se dirixe a ofrecer recursos que axuden aos traballadores, ceibándoos de tarefas rutinarias e repetitivas).
Respecto dos orzamentos, se ben a primeira UMI contou cunha contía de 2,3 millóns de euros esta segunda fase terá un impacto económico de 2,59 millóns de euros. Dese montante, Navantia achegará 1,5 millóns de euros, a Xunta máis de 777.000, e a Universidade, 263.000.

PUBLICIDADE