A UDC e o Banco Santander formarán a persoas con diversidades cognitivas en desenvolvemento e tecnoloxías

martes, 14 de marzo do 2017 Redacción

A Universidade da Coruña, a Fundación Universia e o Banco Santander veñen de unir forzas para tirar atrancos entre os estudos académicos que achega a UDC e as persoas con diversidades cognitivas. O proxecto en común, unha iniciativa educativa igualitaria e accesíbel, chámase Espazo Compartido e a súa andaina definitiva (e definida) foi presentada hoxe mesmo ante os medios. O reitor, Julio Abalde, sinalou que “con Espazo Compartido estamos a derrubar un muro que até agora parecía insalvábel: o muro da integración de persoas con diversidades cognitivas nos campus”. Tamén engadiu que un dos piares da iniciativa en común serán as novas tecnoloxías da información.
Espazo Compartido, explicou, é “un proxecto académico de formación sociolaboral para persoas maiores de 18 años que non teñen nivel académico de abondo para acceder á universidade, e para que poidan obter ao rematar a súa experiencia educativa con nós un certificado de competencias que lles facilite a inserción laboral”. Ten alcance estatal e diferentes sedes nun bo número de campus.
A UDC, unha das primeiras universidades estatais e a única no Sistema Universitario Galego en implantar Espazo Compartido, comezou co proxecto de forma experimental no ano 2013. O programa foise redeseñando durante estes anos e actualmente consta de tres cursos nos que se combinan a formación presencial nas aulas coa formación práctica en empresas como por exemplo o operador de telecomunicacións R, Inditex, Fundación Santiago Rey, Cruz Vermella, Padre Rubinos, Decathlon, o Ikea, entre outras firmas.
Ademais do programa académico, o proxecto inclúe sesións de apoio e atención ás familias. Os alumnos deste programa, quince estudantes por curso, teñen clase de luns a xoves en horario de nove da mañá a dúas da tarde impartidas por profesorado especializado nas aulas da Facultade de Ciencias da Educación, e clases de apoio e titorías durante as tardes e a xornada do venres.
A iniciativa, sinalouse hoxe, está estruturada en dous cuadrimestres nos que estudan Desenvolvemento Persoal, Habilidades Comunicativas, Matemáticas e Economía, Preparación para o Emprego, Novas Tecnoloxías da Información e Prospección de Emprego. O período de prácticas laborais abrangue oito semanas en empresas cun total de 200 horas.



PUBLICIDADE